A valdeorresa Lorena Prada Fernández, presidenta da Asociación De Nai a Nai participaba a primeiros de xullo na I Xornada Iniciativas Xurídicas e Lactación, na Universidade Miguel Hernández de Elxe. Neste foro presentaba proxecto “Iniciativas Xurídicas e Lactación” , que foi posible grazas ao convenio de colaboración establecido entre a Cátedra Clínica Xurídica da Universidade Miguel Hernández de Elxe e FEDALMA.
“As máis de 100 asociacións que configuran FEDALMA puideron poñer de manifesto as súas dúbidas, problemáticas, preocupacións e propostas ao redor da lactación e o traballo que foron recollidas nos talleres que se celebraron durante máis de catorce semanas. Ademais de dar resposta xurídica ás cuestións expostas polas nais representantes das asociacións, este proxecto serviu como canle de difusión das carencias do sistema laboral que afecta moi especialmente á muller traballadora provocando a vulneración do principio fundamental de igualdade e non discriminación”, explica Lorena Prada.
Esta experta valdeorresa en lactación materna expuxo as cuestións máis repetidas, as necesidades que máis se evidenciaron ao longo destes meses de reunións, e “as propostas que trataban de buscar solución ás deficiencias que non cobre a normativa actual, así como aos incumprimentos sistemáticos por parte dalgunhas empresas. Dentro das innumerables propostas, cabe destacar as numerosas propostas específicas para a protección fronte aos riscos laborais durante a lactación natural, aínda que, por simplificar, non foron incluídas todas nesta exposición, como a necesaria a modificación da norma preventiva clarificando axentes e condicións de traballo a ter en conta; a etiquetaxe para os axentes que poden influír negativamente na saúde das traballadoras embarazadas ou en período de lactación, coa inclusión dunha listaxe detallada de axentes e condicións de traballo a ter en conta, de fácil manexo; ou a especial consideración relativa ao risco, unha vez máis, da traballadora eventual que de ser citada a traballar debe elixir entre seguir lactando ou aceptar o posto, se este entraña risco, entre moitas outras”, tal e como indica.
Ademais do informe, este proxecto tivo outro obxectivo desde o seu inicio: a actualización da “Guía Xurídica de Lactación 2021”. Esta guía actualizada recolle este ano “información específica sobre os dereitos laborais das traballadoras autónomas, así como unha serie de preguntas novas, coa súa correspondente resposta xurídica. Esta nova guía está ao dispor de quen a solicite, a través da asociación De Nai a Nai”, asegura a súa presidenta.
Durante a realización deste proxecto, engade Lorena Prada, “repetiuse en numerosas ocasións a necesidade dun lugar onde informarse e denunciar os incumprimentos dos dereitos laborais durante o embarazo e a lactación. Froito desa necesidade, naceu o espazo de denuncia a través da páxina de FEDALMA”.
Logo deste traballo, Lorena Prada conclúe que “lamentablemente non hai demasiado recoñecemento social do esforzo que realizan as mulleres que adoptan a decisión de aleitar aos seus fillos e fillas sen deixar de desenvolver as súas carreiras profesionais. Na era dixital volve ser necesario sensibilizar e mesmo promover a empatía do ámbito do traballo no que a lactante debe ter un total nivel de protección”, resalta.
Ademais considera que con este traballo púxose de manifesto que “a regulación existente non soluciona a conflitividade que día a día se xera nas nosas empresas e das que as asociacións que participaron neste proxecto ofreceron debida conta. Con todo, todo o exposto non pode desviar o foco de atención que non é outro que constatar que se trata de igualdade, trátase de equidade, de aplicar a perspectiva de xénero na normativa e nas resolucións xudiciais, trátase de facer efectiva o dereito fundamental á non discriminación para participar nunha sociedade máis humana”.