Dez anos de formación e divulgación da lactación materna, de formación sobre a crianza respectuosa, de actividades infantís… A Asociación de De Nai a Nai cumpre unha década no Barco que ten previsto celebrar o vindeiro 30 de setembro cunha festa na praia fluvial do Malecón a partir das 17:30h. “Estamos emocionadas pensando no longo camiño percorrido ata chegar aquí, e na evolución que tivemos. Centos de familias compartiron connosco moitos momentos da súa crianza, e por iso apetécenos celebralo con todas elas, e ademais con todas as que se acheguen a coñecernos”, sinala a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada.
“Haberá actividades para todas as idades, para gozar en familia. E para todas aquelas persoas que desexen gozar de toda a festa, ofrecemos comida e bebida a prezos populares”, adiantan as organizadoras. O evento comezará cun taller de arte infantil, aberto a todos os nenos e nenas de 0 a 18 anos. “Os pequenos artistas poderán expresarse libremente utilizando os materiais da súa elección para crear obras de arte que reflictan escenas de lactación. Estas obras converteranse en parte de exposicións temporais e permanentes en edificios públicos, co propósito de normalizar e promover a lactación materna”, explica a presidenta de De Nai a Nai.
Ás 19h. haberá un espectáculo de malabares a cargo do talentoso Malabarista Guti. Ademais, Guti impartirá un taller especial para que os máis pequenos poidan aprender a fabricar as súas propias pelotas e dar os seus primeiros pasos nesta arte circense.
A diversión continuará cunha cativadora sesión de contacontos ás 20h, que encantará a nenos e adultos por igual. Para poñer a guinda ao pastel desta celebración, a partir das 20:30h, gozaremos de dúas horas e media de música en vivo durante unha Jam Session que reunirá a diversos artistas locais para deleitar aos asistentes co seu talento musical. “Ao longo do día, todas as familias que desexen unirse a nós poderán gozar dunha deliciosa merenda a prezos populares, xa que dispoñeremos dunha variedade de alimentos e bebidas”.
Ademais, no marco desta efemérede tan especial, dende a asociación queren amosar o seu “sinceiro agradecemento a todas as mulleres que formaron parte da nosa asociación, ás nosas socias, ás relatoras que nos guiaron nesta viaxe, e a todas as persoas que contribuíron de maneira desinteresada deseñando o noso logo, creando pósteres para congresos, regalándonos mobles e materiais para talleres, cedendo cancións, elaborando documentos e compartindo coñecementos en charlas, talleres e cursos… ao Concello do Barco pola súa continua colaboración, e aos establecementos e comercios colaboradores. Tamén agradecemos á prensa polo seu apoio na difusión das nosas actividades e, por suposto, ás nosas familias pola súa incondicional colaboración e infinita paciencia neste labor”.
Esta Gran Festa de 10º Aniversario de “De Nai a Nai” promete ser un “día cheo de alegría, celebración e gratitude por unha década de servizo á comunidade e compromiso coa lactación materna e crianza respectuosa. Nos perdádesvola! Esperámosvos!!”, conclúe a súa presidenta.