En portadaÚltima hora

A Veiga de Cascallá, O Castelo e O Barrio (Rubiá), cheos de barro tras a tormenta de onte pola escorrentía do queimado

 

Unha das zonas máis afectadas polo incendio forestal de xullo en Valdeorras era a das localidades da Veiga de Cascallá, O Castelo e O Barrio, no concello de Rubiá, a onde chegaba o lume na fatídica tarde do 18 de xullo. Apenas dúas semanas despois daquela catrástrofe, na tarde do pasado martes, sobre esa mesma zona descargaba unha tremenda tormenta cuxa chuvia arrastraba todo o queimado ata os pobos, cortando practicamente o acceso que conecta estas localidades e enchendo de barro os pobos.

“Foi caer xusto nas zonas onde máis ardeu, é como se fose feito adrede”, lamenta o tenente de alcalde de Rubiá, Ignacio Doce. “Aínda estamos saindo dunha e agora vennos outra, é que peor non pode ser. Baixouse todo, as casas están todas cheas de barro, catástrofe sobre catástrofe”, destaca.

Dende o Concello de Rubiá comezábase xa cos traballos de limpeza con maquinaria na tarde de onte en zonas como o vial que une as tres localidades e tamén tratanto de desatrancar os desaugues das casas. “Estase limpando, xa empezamos onte á noite e agora continúase, tamén se achegaron os bombeiros pero é mellor que veñan cando estea limpo para que lle pasen auga a presión porque senón fan máis barro e vai ser difícil”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button