A vendima máis temperá de Valdeorras neste 2024 vén de realizarse na mañá deste 15 de agosto en Pedrazais (na Rúa Vella) nas parras de Manichy Trincado. Unha recollida que se adiantaba un día con respecto ao ano pasado, no que se realizaba na tarde do 16 de agosto.
A saúde non lle permitía nesta ocasión participar nela a este rues, que contaba coa colaboración de varios amigos para recoller as uvas, da variedade branca albillo, que se caracteriza pola pronta maduración. Os seus colaboradores eran Chimpún, Nano e Aranguela.
Con respecto á cantidade, nesta ocasión recuperaron a produción practicamente completa con seis cestos e medio de uvas. “O ano no que máis produción houbo foi no 2022 que chegamos aos 7 cestos e o que menos, o 2023, con dous cestos e medio”, explica Manichy.
O inicio oficial da vendima en Valdeorras prevese para a vindeira semana co que, novamente, Manichy adiántase ao inicio xeral da campaña nesta comarca vitivinícola.
Fotos cedidas.





