
A Festa Coveira de Arcos (Vilamartín), que conxuga gastronomía con celebración e etnografía, acadará a súa oitava edición o vindeiro 13 de xullo coa participación de 10 adegas. A festa comezará ás 20h. e as súas entradas terán un prezo de 18 euros na venda anticipada (en Cafetería Makoki, A Horta de Fina e Mar e Bar Chevalier no Barco) e de 20 euros o mesmo 13 de xullo en taquilla.
Coa entrada, cada participante recibirá unha cunca conmemorativa coa que poderá percorrer estas fermosas construcións soterradas, pero tamén degustar brancos e tintos e unha gran variedade de petiscos e doces. Tampouco faltará a tradicional pancetada.
A ruta tamén está aberta ao público infantil e para el haberá refrescos. O evento terá un aforo limitado a 1.000 persoas. A música é outro ingrediente esencial e, desta volta, contarase con Abertal e Dj Isra e, cando pechen as adegas, seguirá a festa na praza coa actuación de Dj Tariro.

Esta edición estará ademais adicada aos grupos de amigos, ás pandillas que acostuman participar nesta ruta, mesmo botando man de instrumentos musicais. Ademais este ano manterase a xa tradicional procesión de Don Godellín, o “santo” desta celebración, que sae en procesión polas covas. A Festa Coveira estará organizada pola Asociación de Coveiros de Arcos coa colaboración do Concello de Vilamartín.
Máis información na edición en papel do Especial Festas de Xullo do Periódico O SIL.