EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A XII Festa da Vitela do Bolo homenaxea ao adegueiro Rafael Palacios

Esta cita gastronómica reunía a unhas 900 persoas no polideportivo municipal no mediodía do Sábado Santo

Co aperitivo da música tradicional, o ritmo da Charanga Nova Terras de Trives e a apertura dao Mercado Medieval do Bolo comezaba a XII Festa da Vitela nesta vila. Esta celebración gastronómica, que promove o Concello, reunía nesta edición a unhas 900 persoas que se daban cita no polideportivo para degustar un xantar que aposta polos produtos locais. Así o menú está formado por sopa de fideos, carne de vitela ao caldeiro, xunto con chourizo, androlla e lacón cocidos, acompañados de garavanzos e cachelos e, por suposto viños. Xa na sobremesa, roscón.

Xusto antes do inicio do xantar, o alcalde do Bolo, Manuel Corzo, diríxiase aos asistentes para darlles a benvida e agradecerlles a súa presenza. “Quero compartir con vos o cariño que sinto pola terra, polas nosas paisaxes e xentes, polos nosos produtos e cunha mención especial aos nosos viños”, aseguraba. Deste xeito daba paso a unha homenaxe ao adegueiro rioxano Rafael Palacios, que desenvolve o seu labor dende hai case dúas décadas no Bolo. Corzo destaba del “o seu gran traballo e profesionalidade dentro do sector vitivinícola e o mellor embaixador do noso produto en todo mundo”. E como mostra dese agradecemento o rexedor bolés entregáballe unha placa a este elaborador.

 

Pola súa banda, Palacios recoñecía sentirse “moi ilusionado” por este recoñecemento. “Pasaron xa 15 dende que cheguei ao Bolo. Ao principio viñen interesado por Valdeorras, polo godello, iso foi hai 17 anos, dous anos máis tarde buscando frescura e paraxes especiais encontrei o que hoxe defendo como a miña casa”. Tamén lembraba que os viños que elabora no Bolo teñen presenza en todo o mundo “dende Singapur, Hong Kong, Toquio, Rusia, toda Europa, Estados Unidos, Porto Rico, México… E cada vez que eu teño que facer unha presentación ou unha cata, falo desta terra como se fose a miña casa, e iso é o máis bonito que podo dicirlles hoxe”.

 

 

Ademais este adegueiro compartía o premio coas persoas do seu equipo “xente bolesa e dura de campo”, boa parte delas presentes no xantar e cuxos nomes mencionaba un a un. Tamén compartía o recoñecemento cos viticultores que traballan con el. A continuación, o xantar era servido polo Restaurante Fernando III do Barco.

III Festival e Feira Medieval no Castelo do Bolo

A programación festiva deste Sábado Santo no Bolo continuará a partires das seis da tarde co Festival no Castelo, acto presentado por Montse Estévez. Nel están previstas exhibicións de cetrería e as actuacións do gaiteiro Javier Franco, da Banda de Gaitas Agarimo de Catabois (Ferrol), Raparigos do Ferrol, Grupo de Zanfonas da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, Cantareiras da Seitura de Lentellais, Lucía Pérez e Xavier Vizcaíno, Cantareiras da Real Banda e Real Xuvenil e Banda de Gaitas do Concello do Bolo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button