En portadaÚltima hora

A XIV Festa da Vendima de Punxeiro (Viana), cuxo pregoeiro será Pedro Basalo, homenaxeará á muller rural

Esta celebración está prevista para a tarde e noite do vindeiro sábado 15 de outubro

Imaxe dunha edición da Festa da Vendima de Punxeiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Todo listo en Punxeiro (Viana do Bolo) para a XIV Festa da Vendima- Ruta das Adegas. Tras dous anos de parón por mor do Covid, esta localidade recuperará esta festa o vindeiro 15 de outubro, facéndolle ademais unha homenaxe ás mulleres do rural, especialmente ás mais e avoas. Manterá o esquema de anteriores edicións, engarzando viño con gastronomía, tradición e festa nun longo e animado percorrido polas adegas da aldea, sempre acompañado pola música.

As entradas (a un prezo de 20 euros) poderán mercarse ese mesmo día á entrada do pobo, xa que as que se puxeron á venda anticipada esgotábanse o 28 de setembro. O programa da festa, na que se limitará o aforo a 1.500 persoas, iniciarase polas 19h. coa lectura do pregón, desta volta a cargo do filólogo e investigador vianés Pedro Basalo, na praza situada xunto á igrexa.

Unha das novidades desta edición, cuxa data coincide coa celebración do Día da Muller Rural, será unha homenaxe que, neste marco, se lle renderá a mais e avoas. Está previsto que se descobra unha placa na súa honra baixo o sagrado da igrexa de Punxeiro. A encargada de facelo será a persoa máis lonxeva deste pobo, que estará acompañada por autoridades e membros da organización da festa. Ademais está previsto que en Punxeiro se instale nese día un punto de información do Centro de Información á Muller (CIM) de Viana do Bolo.

Despois do pregón e da homenaxe, os participantes, seguindo o ritmo de tres charangas, poderán iniciar outros tantos percorridos para desfrutar do viño novo, acompañado de multitude de petiscos típicos da zona polas adegas da ruta e, tamén, sobremesas. Esas tres charangas serán: Fuego, Comand’o Morrazo e BBB. Nas tres últimas, terán especial protagonismo as sobremesas e os doces.

Tras completar o percorrido pola aldea, os participantes trasladaranse ao campo da festa, onde, dende ás 23h. está prevista a actuación do Grupo Assia, da Orquestra Marbella e, finalmente, do Dj Tariro.

Ademais, como en anteriores edicións, a organización anuncia que haberá un servizo de buses con saída ás 17h. dende a praza de Viana e con regreso ao fin da festa. Esta XIV Festa da Vendima de Punxeiro será oganizada, unha vez máis, pola Comisión de Festas desta localidade en colaboración co Centro de Animación de Punxeiro.

Artigos relacionados

Back to top button