EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A XLII Feira do Viño de Quiroga, con 14 adegas nesta edición, presenta o seu programa

Desenvolverase do 29 ao 31 de marzo e terá como pregoeira a Afra Blanco

Imaxe da pasada edicióin da Feira do Viño de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A XLII Feira do Viño de Quiroga vén de presentar o seu amplo programa que se desenvolverá os días 29, 30 e 31 de marzo e que contará con Afra Blanco como pregoeira. Os primeiros pasos para a organización do maior evento do concello de Quiroga foron os de realizar o primeiro concurso para escoller o cartel anunciador deste evento -no que resultou premiada a quiroguesa Zeltia Mateo-, e a xuntanza coas bodegas da subzona Quiroga- Bibei e aquelas que dentro da DO Ribeira Sacra teñan viñas ou compren uvas en Quiroga.

Agora ven de facerse público o amplo programa que comezará antes da data indicada co concurso de tapas “Val de Quiroga de Tapas”, coa exposición de pintura “Contrastes” de Mercedes Mondelo e co desfile da Confraría do Viño de Quiroga. O desfile da Confraría que irá acompañado da música do grupo de gaitas O Recanto, terá lugar o sábado 23 de marzo, unha vez que se nomee o Gran Mestres da Confraría. Esta xornada rematará coa actuación de Xisco Feijoo. O venres da Feira do Viño desenvolverase unha cata de viños da Ribeira Sacra, con inscrición previa e que rematará coa actuación musical de Mario Colomán & The Clocks Band.

O sábado dous actos marcarán a xornada. Pola mañá o certame Celtibérico de Bandas de Gaitas e pola tarde o pregón que nesta edición correrá a cargo da sindicalista Afra Blanco. Afra naceu en Barcelona pero os seus pais son quirogueses, polo que sempre estivo ligada ao noso municipio. Leva anos como sindicalista de UGT, foi portavoz da sección xuvenil da organización e actualmente é responsable de Comunicación da Federación Estatal de Servicios, Movilidad y Consumo. Esta sindicalista é coñecida sobre todo polas súas colaboracións en mesas políticas dos programas Espejo público (Antena 3), Al rojo vivo (La Sexta) e sobre todo La Sexta Xplica. Afra Blanco tamén será a encargada de escoller aos gañadores do tradicional concurso de camisetas.

Homenaxe aos viticultores

Unha homenaxe aos viticultores coa escenificación teatralizada “De pura cepa” a cargo de Queimán e Pousa e a música dos grupos tradicionais Cantos da terra, Érbedo e O Recanto; así como a disco móbil LB e a Charanga Fuego encargaranse de animar o recinto feiral durante o sábado e o domingo.

Pero o que non faltará nesta XLII Feira do Viño de Quiroga será o viño, tanto branco como tinto. E disto encargaranse as 14 adegas participante nesta edición: Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV Viticultores, Alvaredos –Hobbs, Lar de Ricobao, Ponte da Boga, Rectoral de Amandi, Casa de Outeiro, Val de Quiroga, Adega Gullufre, Pazo de la Cuesta e Adamare Wines. Ademais da adega invitada que este ano ven dende a D.O. Valdeorras: Alan de Val.

 

Artigos relacionados

Back to top button