CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A XX edición do Festival Internacional de Blues, en Ourense, estará dedicada a Ray Charles

Presentación do Festival Internacional de Blues Teatro Principal.

 

O Teatro Principal acollerá os días 6 e 7 de outubro a XX edición do Festival Internacional de Blues, patrocinado pola Deputación de Ourense, que estará dedicada a Ray Charles. Esta nova edición traerá música en directo ao Principal para que o público amante do blues e do jazz poida gozar dun variado elenco artístico de diversas estéticas musicais. O festival foi presentado esta mañá no Teatro coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; a directora do Teatro, Olga Mojón; e o promotor do evento, Alfonso Cito.

O vicepresidente segundo da Deputación destacou que este festival é “un evento consolidado no calendario ourensán, que ofrece ao público a posibilidade de gozar dunha oferta de blues de calidade” e louvou o traballo realizado durante todos estes anos para convertelo “nunha das citas máis esperadas do outono ourensán que trae a músicos de referencia deste xénero convertendo a Ourense na capital do blues e do jazz”.

Así mesmo, César Fernández lembrou que o Teatro Principal é unha infraestrutura cultural que ofrece “unha programación moi variada e plural” que acolle diversas expresións artísticas co obxectivo de achegar a cultura a todos os públicos. Neste mesmo sentido, Olga Mojón destacou a importancia que ten a música na programación do Teatro sendo unha das “disciplinas con maior presenza” ao longo de todo o ano.

 

O deputado de Cultura, César Fernández; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; e o promotor do Festival, Alfonso Cito.

 

A directora do Teatro lembrou que grazas a contar cun “orzamento estable por parte da Deputación, permite apostar e manter propostas culturais de gran calidade aínda que non movan masas de público”. Este proxecto consegue ser, ano tras ano, “unha referencia moi importante dentro da programación do Teatro e da vida cultural da cidade”, propoñéndose que o festival medre en cada edición e logre unha maior implicación da cidadanía. Así mesmo, Alfonso Cito asegurou que se trata do “festival de blues máis lonxevo de Galicia” no que en cada edición a máxima é “manter a calidade da oferta musical”.

O festival comezará o venres 6 de outubro coa cantante e guitarrista zurda extremeña, Susan Santos que propón unha mestura de rhythm’n’blues, rock e americana. Continuarase con Thorbjorn Risager & The Black Tornado, con vinte anos de traxectoria e son na actualidade unha das bandas máis aclamadas pola súa dinámica en escena e un sólido repertorio a base de blues, soul boogie, rock’n’roll e jazz.

O sábado, 7 de outubro, abrirán a velada Tui Higgins & Xavier Monge Jazz Project que presentará por primeira vez en Galicia “Cecilia Revisited”, unha homenaxe en clave de jazz ao legado musical de Cecilia, unha das cantautoras máis queridas en España e ao mesmo tempo menos coñecida pola súa curta traxectoria profesional. Clausurarán o festival Jimmy Barnatán & The Cocooners. Jimmy Barnatán é un cantante de blues, actor, e escritor que conta cunha traxectoria de vinte anos como vocalista, oito discos publicados e 1.500 concertos, converténdose nunha das voces de referencia máis singulares do xénero a nivel nacional.

Os concertos serán ás 22 e ás 23:30 horas cada día.

 

Artigos relacionados

Back to top button