En portadaÚltima hora

A XXV Feira do Viño de Valdeorras reunirá 21 adegas en Viloira (O Barco) do 1 ao 2 de xuño

O recoñecido ilustrador Miguelanxo Prado é o autor do cartel ilustrador desta edición

 

A imaxe promocional da XXV Feira do Viño de Valdeorras dábase a coñecer esta tarde nunha rolda de prensa na que participaban o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Ramón Rodríguez, e o alcalde do Barco, Alfredo García. Trátase dunha obra do recoñecido creador Miguelanxo Prado que, por segunda vez, ilustra un cartel deste certame vitivinícola, que se titula “Beber a terra e a paisaxe”.

O presidente da D.O., tras amosalo, achegaba unha breve explicación do autor, que non puido estar presente no acto. “No interior da botella, nesa milagre que é o viño, podemos recoñecer a súa pegada xenética, no caso de Valdeorras a auga do río, as terras do val, as elevacións das abas dos montes, os socalcos, o granito, a lousa, o sol e a chuvia”. Un “marabilloso cartel” para unha edición na que a mostra cumpre un cuarto de século.

“Son as nosas vodas de prata como feira, polo que esta será unha edición moi especial e teño que agracecer o labor do persoal do Consello Regulador como de todos os vogais, porque sempre digo que este é un traballo de equipo. A feira é a festa da nosa casa e sempre tratamos de planificala e de organizala con moito agarimo”, asegura o presidente da D.O. Valdeorras, antes de desgranar os contidos desta nova feira, que se celebrará na fin de semana do 1 e 2 de xuño en Viloira (O Barco) coa presenza de 21 adegas (unha máis que na edición anterior): A Coroa, Alán de Val, Arnadoval, Melillas-Lagar do Cigur, O Casal, O Cepado, Quinta da Peza, Barón do Sil, Bioca, Bodega Cooperativa-Xesús Nazareno, Godeval, Hacienda Ucediños, Joaquín Rebolledo, Roandi, Ruchel, Sampayolo, Santa Marta, D’Berna, Viña Costeira, Virgen del Galir e Cova da Xabreira.

 

 

O programa, que se encetará ás 12:30h. do sábado 1 cun pregón a cargo do xornalista pontevedrés Xabier Fortes, incluirá diversas actividades complementarias nos Xardíns da Casa Grande de Viloira como unha catas de viños da D.O. Valdeorras maridados con divrersos produtos da zona (tanto o sábado como o domingo), ademais dun showcooking o día 2 co cociñeiro Xosé Manuel Mallón, chef do Espazo Gastronómico Remollo en Ames (A Coruña). Os petiscos degustación tamén se harmonizarán con viños valdeorreses. Estas actividades terán un prezo de 10 euros e prazas limitadas. As persoas interesadas poderán anotarse no enderezo comunicacion@dovaldeorras.com.

“Mención especial merece a segunda cata popular da Feira do Viño de Valdeorras, que o ano pasado funcionou moi ben”, destacaba José Ramón Rodríguez, matizando que se ampliará o número de viños presentes nela. Será unha actividade de balde que se desenvolverá o día 2 a partir das 11h. en catro quendas de dez catadores (que integrarán dous paneis de cata). Os premios desta cata serán entregados na tarde dese mesmo día.

 

 

A música en directo será outro dos ingredientes desta edición, con actuacións da Charanga Os Caliqueños (o día 1) e da BB+ o día 2. Así mesmo está previsto un concerto do grupo Los Alcántara, o sábado 1 ás 23h. no recinto feiral. Esta banda interpreta unha selección de clásicos de pop e rock español versionados nun estilo moi particular.

Nesta edición tampouco faltará o xa tradicional tren turístico da mostra, que funcionará en traxectos de ida e volta (dende o polideportivo de Calabagueiros ata a praza Otero Pedrayo de Viloira), nin actividades para os mais cativos nos xardíns da Casa Grande.

Pola súa banda, o alcalde do Barco agradecía que a D.O. Valdeorras escollera Viloira novamente como escenario da mostra e confiaba en que o tempo acompañase neses dous días para que feira puidera ser tamén un éxito nesta edición.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button