EconomíaEconomía

A XXXII Festa de exaltación do Pan de Cea porá á venda máis de 1.600 pezas este domingo 6 de xullo

 

A Festa de Exaltación do Pan de Cea celebra esta fin de semana a súa 32ª edición, durante a que “poremos a disposición do público máis de 1.600 pezas”. Así o indicaba o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, durante a presentación da festa que terá lugar este 5 e 6 de xullo no Campo da Saleta, en San Cristovo de Cea.

Na rolda de prensa tamén participaron o deputado provincial e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e o concelleiro de Turismo de San Cristovo de Cea, José Dalama. Tanto Fernández como Dalama coincidiron en gabar as calidades deste produto con indicativo de calidade e auguraron un novo éxito de convocatoria para esta exaltación gastronómica.

Rosendo Fernández destacou que estamos “ante unha das festas máis senlleiras de interese turístico. Falar de Cea é falar de pan, é un matrimonio indisoluble. Un produto tradicional da gastronomía ourensá e cun receita moi antiga”. Pola súa banda, José Dalama agradeceu o apoio da Xunta, da Deputación de Ourense, do Inorde e de todas as empresas colaboradoras para poñer en valor esta festa. Así mesmo, lembrou que “Cea ten máis cousas que ofrecer”, poñendo como exemplo os seus atractivos turísticos, co Mosteiro de Oseira como exemplo, pois máis de 2.400 persoas pasaron por aló no ano 2024.

 

 

Programa da XXXII Festa de Exaltación do Pan de Cea

O presidente do Consello Regulador, Carlos Rodríguez, quen agradeceu a colaboración tanto do Concello de San Cristovo de Cea como da Deputación de Ourense, foi o encargado de presentar o programa definitivo de actividades para esta fin de semana que comeza xa o sábado coa Ruta dos Fornos. A xornada grande terá lugar o domingo 6 de xullo e abrirase cun pasarrúas ás 10.00 horas. Ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta.

Ás 12:30 horas terá lugar o pregón da XXXII Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano correrá de Fran Cañotas, actor e presentador da TVG, concretamente do programa As Voltas co Prato, e “un comedor de Pan de Cea”, segundo comentou Carlos Rodríguez. Unha vez finalizado pregón terá lugar a entrega de agasallos, nesta ocasión para a ceés campioa de Europa na modalidade de kick boxing, Uxía Teixeira, así como a degustación de produtos galegos con distintivo de calidade e. A xornada da mañá rematará co concerto do trío Lideira, ás 13:20 horas.

Xa ás 14:30 horas terá lugar o tradicional xantar cos produtos galegos con indicativo de calidade coma protagonista coa empanada da IXP Ternera Gallega, polbo á feira con aceite da empresa ourensá Aceites Abril, carne ao caldeiro da IXP Ternera Gallega con IXP Pataca de Galicia e IXP Castaña de Galicia, acompañado polo Pan de Cea tamén con IXP. De sobremesa, queixos das DOP de Galicia, acompañados coa IXP Mel de Galicia, Requeixo das Neves con marmelada Nela Gourmet, e café. Todo regado con Sidra de IXP Agricultura Ecolóxica de Galicia, viños galegos con Denominación de Orixe e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. “Gústame lembrar que temos só capacidade para cincocentas persoas, así que os interesados xa poden mercar as entradas”, concretou Carlos Rodríguez. Unhas tickets que poden comprarse ata o 4 de xullo na Casa do Concello ou nos establecementos hostaleiros A Casa dos Caretas, Bar Paxariño, Bar Plaza; Xanela Drink e Sol y Luna.

Ás 18:30 horas no Campo da Saleta terá lugar un showcooking para 50 persoas, a cargo do grupo de cociñeiros Remollo, onde os protagonistas serán os produtos con denominación de orixe protexida. Presentaranse tres elaboracións: “Allo branco de Pan de Cea e Mexillón de Galicia”, “Dúo de Pan de Cea e Ternera Gallega” e “Torrada de Pan de Cea”. As entradas, que serán de balde e por orden de chegada ata esgotarse, poderán adquirirse no stand institucional do Pan de Cea o propio domingo.

Despois, o concerto Xuntos Pola Música, un espectáculo único que rende homenaxe a Juan Pardo, amenizará o escenario do Campo da Saleta con Antonio Barros, Lys Pardo, Alma e Fernando Calderón. Estes revivirán os grandes éxitos de Juan Pardo e o seu impacto na música española. Durante toda a xornada, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará cun posto institucional onde estarán expostos produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co stand do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).

 

 

XI Ruta dos Fornos e animación musical

O sábado 5 de xullo terá lugar a 11ª edición da Ruta dos Fornos, “unha actividade que está totalmente consolidada e da que aumentamos o número de prazas a 1.200 debido ao éxito da anterior edición, que este ano agardamos superar”, concretou o presidente do Consello Regulador. Poderase percorrer entre as 18:30 e as 22:30 horas. Entre as novidades deste ano figura a eliminación das pulseiras de acceso, que serán substituídas por entradas fixas que xa están á venda por 10 euros na Casa do Concello de Cea e nos bares: A Casa dos Caretas, Bar Paxariño, Bar Plaza, Kanela Drink e Sol y Luna. Están dispoñibles ata o 4 de xullo ou ata rematar existencias.

Cada entrada levará incluído un vaso, que poderá recollerse o propio sábado 5 de xullo na praza Maior, e 9 petiscos a degustar nos fornos. O viño e a auga serán de libre consumición e a cervexa suporá un custe a maiores de 1 euro, a través de tickets que poderán adquirirse na Praza Maior. As propostas gastronómicas nos sete fornos participantes son as seguintes:

  • Forno do Lodairo: pepito de IXP Ternera Gallega con pementos DPO Pemento de Herbón e aceite da empresa ourensá Aceites Abril, embutidos de Castaña de Coren, viño branco e tinto, auga e cervexa Estrella Galicia
  • Forno do Parapeta: empanada da IXP Ternera Gallega con cebola e pemento ecolóxico de CRAEGA de Pan de Cea, embutidos de Castaña de Coren, viño branco e tinto e auga
  • Forno do Santo: Queixo DOP Arzúa Ulloa DOP, embutidos de Castaña de Coren, viño branco e tinto, e auga
  • Forno do Abade: queixo da DOP Tetilla, e embutidos de Castaña de Coren, viño branco e tinto, e auga
  • Forno da Cebola: para celíacos, tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos de Castaña de Coren, viño branco e tinto, e auga.
  • Forno da Eira: xamón a corte, embutidos de Castaña de Coren, viño branco e tinto e auga
  • Forno da Cruz: Tarta de Santiago, Chocolate de Oseira con Pan de Cea, rebanada de Pan de Cea con marmelada Nela Gourmet e crema de castaña, embutidos de Castaña de Coren, viño branco, tinto e auga.

A XI Ruta dos Fornos contará coa animación musical de Feitizo de Pau (Cea), a agrupación tradicional de San Xurxo de Mosende (O Porriño), Candaira (Castrelo do Val), Os Teimosos de Villasobrosa (Mondariz) e Pandereteiras do Forrollo (Vilar de Vaca, Cartelle). A maiores, o mago Pablo Estévez ofrecerá un espectáculo de animación de rúa. Ás 19:30 horas, a praza da Cebola acollerá un concerto da Agrupación de Amigos do Acordeón de Celanova. E a partir das 22:30 horas, a banda boirense D’Crooners Band dará un concerto na Praza Maior de San Cristovo de Cea, que dará paso a Disco Móbil.

Back to top button