A Alameda de Ribadavia acollía esta tarde o acto inaugural da 61ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, que reúne a 36 adegas e colleiteiros, que ofrecerán os seus viños a todos os que se acheguen ao recinto da Alameda en Ribadavia desde hoxe e ata o domingo, 5 de maio.
O público deberá mercar a súa copa na caseta de venda de copas (na entrada do recinto) e, posteriormente, visitará as casetas das adegas onde poderá optar por degustar os viños mediante a proba (pequena cantidade de viño para catar o viño), copa ou por botella. Cada opción terá un prezo diferente que marcará cada adega.
A principal novidade desta edición reside na zona gastronómica, que contará con dous ambientes diferenciados. Por un lado, un restaurante con capacidade para 150 persoas, que ofrecerá tres menús diferentes a escoller, e no que se poderá reservar previamente tanto para xantar como para cear. Por outra parte, tamén haberá un espazo denominado “Zona de Tapeo”, que contará cunha pulpeira, cun posto de queixos de todo o mundo e cun posto de Coren, onde se ofertará comida variada e complementaria para aquela xente que acuda sen reserva ou que queira acompañar os viños con algo de comer.
Entre as principais actividades destacan os showcookings e catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de recoñecido prestixio, RibeiroBUS (rutas turísticas nun autobús antigo polos viñedos e patrimonio do Ribeiro), a cata popular, actuacións musicais en sesión nocturna tralo peche do recinto, zona infantil, Botella Xigante, visitas guiadas ao Castelo e ao Museo do Viño de Galicia, etc.
A inauguración da mostra contaba coa asistencia da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, e polo presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares, entre outras autoridades.
A conselleira agradeceu ter sido invitada e asegurou que estrearse no Ribeiro “é toda unha honra”, xa que esta denominación de orixe é a máis antiga de Galicia e unha das máis lonxevas de España. De seguido, recoñeceu o labor desenvolvido polo Concello, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e os viticultores e produtores, por facer posible este acto, que leva 61 edicións ás súas costas. Ademais salientou a importancia de producir viños de “excelente calidade” que poñen en valor as variedades autóctonas que tanto caracterizan á nosa comunidade. Neste sentido, resaltou o compromiso do Goberno autonómico por “motivar o despegue das comarcas vitivinícolas” cunha “clara aposta que empeza pola recuperación de zonas históricas de viñedo”.
Entre os intervintes tamén etsaba o presidente provincial, que dixo que este evento permite “seguir conservando a tradición vitivinícola da comarca, defender a súa identidade e o esforzo dos produtores, así como a calidade dos seus viños que exercen de excelentes embaixadores da marca Ourense”.
Neste sentido, Luis Menor afirmou que Ourense é “unha das provincias máis vitivinícolas de España, un dos sectores máis potentes que temos e un dos grandes atractivos para captar a atención do viaxeiro, sexa nacional ou internacional”. Desde a Deputación de Ourense “apoiamos desde hai anos directamente ás Denominacións de Orixe da provincia con achegas destinadas á internacionalización para traballar cara a apertura de novos mercados fóra de España, así como para promover o viño como un dos mellores embaixadores de Ourense”.
O Ribeiro, comarca vitivinícola por excelencia
A Denominación de Orixe do Ribeiro é a máis antiga de Galicia e unha das 19 denominacións recoñecidas en 1932 e a máis importante da provincia de Ourense. “O Ribeiro é a comarca vitivinícola por excelencia que pode presumir de ter unha identidade propia que xira ao redor da cultura do viño”, salientou Luis Menor.
Un territorio que, como dixo o presidente provincial, permite degustar “unha copa de Ribeiro ao carón de calquera dos xacementos de augas mineromedicinais que converten ao Ribeiro na zona termal máis importante da provincia”.