Dende hoxe, e a ata o día 2 de novembro permanecerá aberto o prazo de solicitudes para participar na edición 2023-2024 do Obradoiro do Cigarrón. “O Concello de Verín promove anualmente, desde o ano 1997 actividades formativas que teñen como obxectivo que o Cigarrón, a máscara con máis significado patrimonial do Entroido de Verín, se manteña dentro dun canon de respecto polas formas tradicionais. Para iso, o Obradoiro do Cigarrón transmite como facer todos os seus elementos constitutivos, salvo os compoñentes de produción industrial e o pintado da careta e da mitra”, tal e como informan dende esta administración.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Verín, na sesión celebrada hoxe xoves día 26 de outubro , aprobaba por unanimidade o proxecto de organización, o orzamento e as bases dunha actividade que se prevé que remate antes do Xoves de Compadres do vindeiro ano.
O Obradoiro do Cigarrón 2023-2024 ofrécelle ás persoas maiores de idade que teñan as tardes libres a posibilidade de faceren a máscara completa ou partes da mesma (traxe ou careta), para o que terán que levar todos os materiais e instrumentos necesarios.
Para faceren o traxe é indispensable que teñan coñecementos básicos de confección con máquina e levala. Ademais, precisan ter adquirido fundamentos previos sobre labor de punto con agulla de calcetar e sobre tecido con agulla de gancho. Así mesmo será obrigatorio que os participantes leven a súa máquina de coser.
As prazas dispoñíbeis son 24, sendo 12 o número máximo de persoas por actividade. As solicitudes, que se tramitan na Casa do Concello, teranse en conta por orde de inscrición, ata completar o aforo. Para iso, admitiranse tanto as solicitudes dunha soa persoa como as presentadas por dúas persoas que acrediten un parentesco de até 4º grao.
As persoas ás que se lle ofreza a inscrición para participaren en todas as actividades terán que pagar 120 euros. O prezo da inscrición será de 85 euros para as que só queiran aprender a facer o traxe ou a máscara.