EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Achéganse as posturas entre UXT e a patronal na negociación do convenio laboral da lousa

Na tarde deste xoves celebrábase en Sobradelo unha nova reunión da mesa negociadora, da que tamén forman parte os sindicatos CIG e CCOO

Os representantes sindicais na mesa negociadora do convenio da lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A sede do Clúster da Pizarra de Galicia, en Sobradelo, acollía na tarde deste 27 de maio unha nova xuntanza da mesa negociadora do convenio da lousa, formada pola patronal e polos sindicatos UXT (central sindical maioritaria do sector, con 3 representantes), CIG (1) e CCOO. “Podemos dicir que hoxe avanzouse bastante na negociación, que queda supeditada a que nós lle deamos unha resposta á última oferta da patronal nuns días. Reunirémonos no sindicato para decidir se asinamos ou non”, indicaba ao termo da xuntanza Javier Carreiro, secretario xeral da FICA Galicia (Federación de Industria, Construción e Agro) de UXT.

Dos oito puntos recollidos na plataforma presentada por UXT, que plantexaba un convenio a 4 anos (xunto cun incremento salarial dun 1% no 2020, dun 1% no 2021, dun 2% no 2022 e dun 2% no 2023), o sindicato e a patronal chegaban a acordo en dous principalmente. “A suba salarial que nós propoñemos é dun 6%, a patronal empezou negociando nun 2,5% e a súa última oferta é dun 5%, penso que avanzamos bastante cara ao noso lado. Penso que rompemos unha dinámica, démoslle un volco total ao que se viña asinando ultimamente”, asegura Carreiro.

Ademais dende UXT, asegúrase que se conseguiu levar “á mesa de negociación certas materias como a de solicitar á administración a necesidade de crear un centro de referencia a nivel autonómico para a detección e seguimento da silicose no sector da lousa, así como instar ás autoridades competentes para a creación do mesmo. Isto valoro moi positivamente, para min foi o punto estrela do convenio”, indica Carreiro, que tamén defende un convenio de ámbito galego. En cambio, recoñece que non foi posible avanzar noutros temas como o da acumulación da lactancia materna, 15 días de permiso en caso de establecemento de parellas de feito ou nun período de vacacións de 30 días naturais e que no cómputo global non sexa inferior a 21 días laborables.

Agora UXT decidirá cos seus afiliados se asina ou non o convenio, algo que pode facer de forma unilateral ao ser o sindicato maioritario no sector. No caso de decidir asinar, a intención, adianta Carreiro, é facelo canto antes.

 

Outro dos momentos da reunión desta tarde./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Contraproposta da CIG

Na xuntanza desta tarde, outra das centrais sindicatis da mesa, a CIG presentaba unha contraproposta. “Baixamos un pouco a proposta inicial da suba salarial, achegándonos ao 6% que era o que pedía UXT e mesmo incluíamos que o ámbito temporal fora ata o 2023, pero tamén incluímos puntos que consideramos básicos como o 100% na baixa por accidente laboral e os 21 días laborais nas vacacións, entre outros. A nosa proposta non foi aceptada salvo no punto que levabamos case todos en común que era a suba salarial”, indica Plácido Valencia, secretario nacional da Federación da Construción e Madeira.

A CIG considera que nas negociacións ponse de manifesto que “os traballadores seguen retrocedendo, imos perder poder adquisitivo, e para nós era moi importante reducir a xornada laboral e, polo tanto, a exposición do traballador ao po de sílice. Considerabamos tamén fundamental a recuperación dalgúns dereitos que se foron perdendo na última década e, vendo o acontecido hoxe, estase pelexando única e exclusivamente polo salario, que para nós é moi importante, pero entendemos que tanto ou máis son outros dereitos que se foron retirando no seu día e que xa tocaba recuperar de novo”, resaltaba Plácido Valencia.

No caso de que finalmente UXT decida non asinar o convenio laboral, podería celebrarse unha nova reunión da mesa negociadora do convenio.

 

Representantes da patronal na reunión do 13 de maio./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button