EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Adelina García, castañicultora vianesa: “A profesionalización do produtor é moi importante”

Esta moza, natural de Fradelo, compatibiliza a produción de castaña coa gandería e co teletraballo nunha entidade bancaria

Adelina García, nun dos seus soutos en Fradelo (Viana do Bolo)./ Foto: Periódico O SIL.

 

“Tal e como está a situación hoxe no gando, se queres seguir no rural, a única alternativa que tes é diversificar”. Adelina García, natural de Fradelo (Viana do Bolo), teno moi claro. No 2015 esta enxeñeira agrónoma facíase cargo da explotación de gando vacún que ata ese momento levaban os seus pais. Hoxe continúa coa gandería, pero, ao mesmo tempo, teletraballa nunha entidade bancaria e é tamén castañicultora.

“Cando eu me incorporei á actividade agraria, os soutos tiñámolos cedidos a outras persoas que recollían a castaña. Pero empecei a facerme cargo deles e funme decatando de que realmente é un froito que aporta moita rentadibilidade. Levo uns seis anos cos castiñeiros e neste tempo tripliquei a cantidade colleitada no primeiro ano. Todo é coidalo e profesionalizarte”, explica.

Os seus soutos, repartidos entre as zonas vianesas de Fradelo e Bembibre, son de castiñeiros vellos e producen variedades galegas, de cedo, pero tamén tardías. Entre ese conxunto de variedades están a De Parede, a Picona e a Rapada. A súa produción está certificada pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e tamén ten o selo de ecolóxica. “As árbores hai que coidalas, durante o ano teño unha persoa podándoas, fágolles un abono, un mantemento anual todo o tempo”.

 

Foto: Periódico O SIL.

 

Para poder compatibilizar este traballo co coidado do gando e a súa actividade nun banco, mercaba unha máquina de recoller castañas. “Estou encantada con ela. Primeiro utilizas un soprador para xuntalas e facer ringleiras e logo colles a máquina, que é como un aspirador. E con ela aumentas a produción de maneira considerable porque moitas castañas caen dentro do ourizo entón esa castaña queda aí tamén. Ademais a máquina separa a castaña”, explica.

Aínda que é ela quen se ocupa da recollida, apunta que en determinados momentos contrata persoal de apoio. “Cando saco a máquina, necesito outra persoa que me axuda. Quen a recolle son eu, pero pode ter temporalmente un empregado”. E destaca que non resulta nada doado contratar traballadores para este tipo de labores agrícolas. “Non atopo xente para recoller as castañas porque non todo o mundo está preparado, cando pasan a primeira hora despois de estar agachado, non saben o que é coller”.

Confesa que lle gusta moito máis o mundo da castaña que a gandería, pero tamén que resulta un oficio duro. “Non é fácil, é un traballo de campo duro. Os bullotes hai que collelos cando caen, podes empezar as 9h. paras para xantar e regresas pola tarde, ata que hai luz, sempre agachada, ás veces diluvia, outras veces fai moito calor. Non é só apañalas, tamén é tirar dos sacos. Por iso, se falamos dun produto bo e seleccionado, penso que debería estar mellor pagado, pero, neste ano, levamos dúas semanas nas que o prezo non sube de 1,30 euros, e creo que como mínimo debería estar para unha castaña con IXP a 1,5 euros, posto que hai moi pouca cantidade certificada e iso supón un valor engadido”.

 

Foto: Periódico O SIL.

 

Neste senso, Adelina García considera clave a profesionalización do produtor, tanto no aspecto do coidado dos soutos e da mellora do produto, como no da comercialización, buscando agrupacións que permitan unha mellor rendabilidade conxunta e mesmo dar o paso á transformacións. “Nesta zona a xente que colleita castaña é maior e logo nas fins de semana veñen persoas que vive fóra a recollelas. Pero, que nos dediquemos durante a semana á castaña pura e dura, somos moi poucos”.

Este ano a colleita de cedo non foi boa, pero a situación está mellorando coa castaña tardía. “Isto é a natureza, ti abonas os castiñeiros, límpalos, fas todo o que podes, pero se hai unha seca ou algún outro fenómeno polo que non se dea, pois, non hai colleita. Agora mesmo estou collendo a castaña de tarde, non hai gran cantidade dela, vén moi boa, sanitariamente está moi ben”, resalta esta castañicultora vianesa.

Gustaríalle seguir medrando en produción e ademais resalta as posibilidades turísticas ligadas a este cultivo, tal e como está sucedendo, no eido vitivinícola, co enoturismo. “Nesta zona estamos na Ruta Europea da Castaña, cuns soutos espectaculares, milimétrica e perfectamente colocados, que se poden visitar e cos que a xente se queda impresionada, sorprendida, entón eu penso que aquí tamén se pode aproveitar ese valor turístico. Espero que pase algo parecido ao do viño”, conclúe.

Texto: A.R./Fotos: Periódico O SIL.

 

Foto: Periódico O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button