
“Seguimos avanzando na loita contra o Covid con todos os recursos e tras ter superado o pico da curva entre os días 15 e 18 de xaneiro. Agora estamos nunha fase de estabilizacióni”, dicía o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao inicio da rolda de prensa na que esta mañá daba conta dos acordos tomados na reunión de onte do Comité Clínico que fai seguemento da pandemia do coronavirus en Galicia.
Tras explicar con datos que baixa a incidencia acumulada en Gaicia, destacar a alta porcentaxe de vacinación na comunidade e indicar que a situación dos hospitais “é contida”, García Comesaña apuntaba que, “con estes datos, a proposta do Comité Clínico, e que a Xunta de Galicia vai adoptar, é aliviar as restricións”.
Así, detallaba que se eliminarán as limitacións de mobilidade, recupérase a liberdade de movemento de madrugada e a hostalería e restaurantes poderán abrir ata a unha da madrugada durante a semana e ata a unha e media durante a fin de semana. Ademais o ocio nocturno poderá abrir ata as catro da madrugada entre semana e ata as cinco da madrugada a fin de semana.
Tamén se permitirá novamente o consumo en barra, ata 8 persoas poderán compartir mesa en interiores e ata 15 persoas en exteriores. Tamén se permitirán os cocteis de pé, os concertos e espectáculos. Pero, engadía, o conselleiro “seguirá sendo obrigatorio o certificado Covid durante todas as horas de apertura do local”.
A intención da Consellería de Sanidade é que estas medidas entren en vigor ás 00h. do vindeiro sábado 29 de xaneiro, tal e como matizaba Julio García Comesaña.