Complétase o proceso de adquisición, por 2.1 millóns de euros, de dous novos equipos de Radioloxía Vascular Intervencionista para o Hospital Universitario de Ourense, o que permitirá ampliar cunha segunda sala de Neurorradioloxía e dotar a existente coa última tecnoloxía. Os novos equipos, que foron adxudicados a Siemens Healthcare, son un “Artis Icon floor. Edición Corindus”, de 877.613 €, e un “Artis Icon Biplano. Edición Neurovascular”, que ascende a 1.225.972 euros. A futura sala de neurradioloxía vascular intervencionista de Ourense estará por tanto equipada cun anxiógrafo biplano, cun TAC incorporado de última xeración, o que permitirá a abordaxe de patoloxías cerebrais e da columna vertebral, como o tratamento de aneurismas e malformacións arteriovenosas cerebrais, así como realizar trombectomías (extracción dun trombo que bloquea a circulación de sangue), un dos tratamentos aplicados ao ictus.
“Esta iniciativa dará un importante pulo ao Servizo de Radioloxía Vascular Intervencionista de Ourense, especialidade en continuo crecemento, e amplo eido de acción, desde o tratamento oncolóxico hepático ou renal, de hipertrofia prostática, aneurismas ou malformacións arteriovenosas e en breve, a asistencia e diagnóstico de patoloxías cerebrais e da columna vertebral, directamente desde esta Área Sanitaria, sen necesidade de trasladarse a outros hospitais”, aseguran dende o Sergas.
O anxiógrafo biplano permitirá o tratamento de lesións cerebrais de forma minimamente invasiva, sen necesidade de cirurxía aberta de cranio, minimizando os riscos e complicacións. Ademais, permite obter dúas imaxes simultáneas, sen necesidade de desprazalo, o que supón conseguir unha imaxe máis próxima á real, usando a mínima dose de radiación, e reducindo o impacto radiolóxico no paciente á vez que amplía o campo cerebral de estudo.
Máis de 13 millóns de euros para alta tecnoloxía sanitaria
Estes investimentos enmárcanse nos que está a tramitar a Xunta este ano, por valor de máis de 60 millóns de euros, destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario.
Deste plan a Área Sanitaria de Ourense conta cunha ampla partida, superior aos 13 millóns de euros, para adquirir catorce novos equipos de alta tecnoloxía, accedendo a novos servizos como o anxiógrafo de Neuroradioloxía ademais dun PET-TC, que permitirán aos pacientes de Ourense ser atendidos directamente na provincia.
Ademais da devanditas salas de radioloxía vascular, tamén foron xa adxudicados, dous aceleradores lineais para oncoloxía radioterápica e 6 novos TC para os hospitais de Ourense, Valdeorras e Verín, entre eles, un de tecnoloxía espectral de gran utilidade para o diagnóstico oncolóxico.
Igualmente están pendentes de adxudicación os contratos, xa autorizados pola Xunta, que permitirán á área sanitaria de Ourense renovar a sala de hemodinámica e dúas gammacámaras do servizo de medicina nuclear.
Estes equipos requirirán ademais, para a Xunta de Galicia, outro investimento derivado: o das infraestruturas necesarias para acoller, instalar e utilizar a plena capacidade este equipamento e que no caso do Hospital Universitario de Ourense ascende a 6 millóns de euros.
Nese sentido, o goberno galego ten xa licitada por 3.1 millóns a obra da nova unidade de Medicina Nuclear, onde se situará o novo equipo PET-TC, e está a piques de publicar a licitación da obra de remodelación das áreas de cardioloxía intervencionista e radioloxía vascular por 2.9 millóns, para instalar o novo equipamento.