ConcellosO BarcoÚltima hora

Adxudícase a obra de execución de servizos na contorna do BIC do Castro (O Barco)

Imaxe da Torre da Homenaxe do Castro./ Foto: O SIL.

 

A empresa “Repoblaciones, obras y canalizaciones, SLU” executará a obra de execución de servizos para a rehabilitación da contorna do BIC do Castro, que contaba cun orzamento de algo máis de 291.000 euros. As obras adxudicáronse en algo máis de 284.000 euros, e contan cun prazo de execución de 10 meses desde a firma do contrato, segundo informa o Concello do Barco.

A Deputación de Ourense cofinancia esta obra cunha subvención de 70.000 euros. Os servizos que se van a realizar con este proxecto son previos á terceira fase da rehabilitación do BIC do Castro, que se pretende executar unha vez remate a instalación dos servizos e que suporá a terminación dos traballos de recuperación da vila-fortaleza desenvolvidos nos últimos anos.

As actuacións de rehabilitación que se levaron a cabo ata agora, correspondentes as fases I e II, serviron para recuperar os espazos inmediatos á Torre do Homenaxe e o interior da primitiva muralla. Agora preténdese a remodelación dos diferentes servizos existentes no resto da contorna que compón o núcleo do Castro, e que é todo o ámbito previsto para a terceira fase da rehabilitación do conxunto.

Máis en concreto, procederase a repoñer e mellorar a instalación actual de abastecemento, realizada en varias fases ao longo do tempo e substituíndoa cunha rede nova que incorpore todos os rexistros e derivacións necesarios e cuxo trazado se adecúe ás obras de urbanización previstas na contorna.

No que atinxe á rede eléctrica de baixa tensión, vaise soterrar a instalación aérea existente, tanto a de iluminación como a de forza, adecuándoa ao uso peonil da contorna do BIC do Castro. O trazado proxéctase para adecuarse á nova disposición de acometidas, rexistros e puntos de iluminación pública previstas no proxecto de rehabilitación da fase III do núcleo.

Do mesmo xeito que a liña de baixa tensión, vanse soterrar as liñas de telecomunicacións, ordenando as acometidas ás diferentes parcelas do ámbito en relación ao resto de subministracións. Por último, vaise repoñer e mellorar a instalación actual de saneamento facéndoa operativa e incorporando as derivacións e rexistros necesarios, adecuándoos aos trazados previstos no proxecto de rehabilitación.

As zonas de intervención son principalmente tres. Na primeira, coñecida como améndoa medieval, actuarase nos camiños que completan tanto a conexión en estrutura radial coa Torre da Homenaxe como os aneis perimetrais que o rodean. Tamén se actuará no paseo do Castro, vial que representa a principal comunicación do núcleo coa súa contorna, ao ser o paseo que une a igrexa co Pazo do Castro.

Por último, intervirase nos camiños que comunican o núcleo coa ladeira norte, na que se atopan unha parte importante das vivendas que compoñen o lugar, moitas delas construcións tradicionais de interese que forman parte do conxunto histórico tradicional do Castro, tal e como se detalla dende o Concello do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button