A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta semana unha reunión ao alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, na que lle informou que a Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde do municipio.
O contrato adxudicouse á empresa Castroferro Arquitectos por un importe de 115.000 euros. Una vez adxudicado e asinado, a empresa disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución.
Os traballos teñen por obxectivo definir a idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. A proposta deberá integrar a tecnoloxía da madeira no seu deseño e prever unha resposta tecnolóxica co consumo enerxético o máis baixo posible.
Segundo detallou a conselleira, o orzamento estimado para a execución das obras do novo Centro de Saúde da Rúa estímase en 2,4 M€. Con todo, explicou, o investimento da Xunta quedará determinado finalmente no proxecto de execución, obxecto deste contrato.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.
Características
Os terreos para a construción do novo centro de saúde da Rúa teñen unha superficie de 1.841,16 m2 e foron postos á disposición da Xunta polo Concello nun ámbito no que se urbanizou recentemente, coa execución dun espazo libre e un novo treito de viario.
De acordo co programa funcional e de espazos, o novo centro de saúde verá duplicada a superficie actual pasando dos 490 m2 cadrados a máis de 1.000. Máis en concreto, a superficie construída será de 1.258 m2, cunha superficie útil de 1.094 m2.
A área de adultos contará con 3 consultas de medicina xeral, 3 de enfermaría, 1 sala de docencia, 1 sala polivalente e 1 sala técnica. Tamén haberá un área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia e un aseo e sala de espera específicos.
Ademais, o centro disporá dunha área da muller, cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios. O resto da superficie será para administración, servizos e instalacións.