A VeigaConcellosÚltima hora

Adxudícase a reparación dos depósitos de auga para o abastecemento de Castromao e Hedreira (A Veiga)

O contrato, cun investimento de 48.000€, conta cun prazo de execución de 3 meses

Panorámica do municipio da Veiga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a execución das obras de reparación dos depósitos de auga para o abastecemento dos núcleos de Castromao e Hedreira e para o saneamento de Castromarigo e de Espiño, no concello da Veiga. Este contrato, cun investimento autonómico de preto de 48.000 euros, foi adxudicado á empresa Granitos Praveiga S.L. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de 3 meses.

O depósito de auga potable do núcleo de Castromao presenta fugas de importante consideración, que provocan problemas de desabastecemento de auga os meses máis secos do ano e que necesitan ser reparadas para que o depósito cumpra a función de abastecemento do núcleo.

Tamén o núcleo de Hedreira conta cunha rede de auga potable realizada hai anos polos veciños que se atopa actualmente en funcionamento pero que presenta deficiencias no depósito de auga. O actual estado desta rede non garante o caudal mínimo en moitas épocas do ano ás vivendas do núcleo debido, fundamentalmente, á perda de auga e á escaseza nos meses de verán, onde o caudal de auga diminúe e a presenza de persoas aumenta.

A intervención de Augas de Galicia

A presente actuación de Augas de Galicia responde á solicitude do Concello da Veiga de dotar ao núcleo de Hedreira dun novo depósito de auga potable con caudal e presión suficiente para abastecer á totalidade dos seus veciños.

Con esta intervención, a entidade hidráulica da Xunta tamén dá solución á petición do Concello para dotar de saneamento os núcleos de Castromarigo e de Espiño. O obxectivo é executar dous saneamentos a través de dous espazos públicos para dar servizo ás vivendas destas zonas que se atopan sen este servizo, tratando deste xeito a totalidade das augas residuais que se producen nos núcleos.

As obras previstas nos núcleos de Castromao e de Hedreira centraranse no reforzo exterior para evitar movementos que produzan fisuras nos depósitos de auga e na súa impermeabilización pola cara exterior. Deste xeito resólvense os problemas de filtracións que se producen nos depósitos destes dous núcleos.

No caso das actuacións en Castromarigo e en Espiño, executarase o saneamento das zonas dos núcleos que se atopan sen este servizo e levaranse a cabo as conexións á rede existente de saneamento.

Os traballos inclúen o movemento de terras, a escavación das gabias que aloxarán as novas canalizacións, a reparación dos depósitos existentes e a instalación da rede de saneamento.

Artigos relacionados

Back to top button