Impulsar e poñer en valor os recursos turísticos da comarca, pero cunha formación teórica e práctica en dúas sesións, deseñada para capacitar aos participantes como referentes turísticos da comarca. Con este afán ponse en marcha a segunda edición do programa RecomendaValdeorras, impulsado pola Asocación Empresarial de Valdeorras (AEVA), que se presentaba no mediodía deste 18 de outubro no salón de actos da Casa Grande de Viloira (O Barco).
“Nesta nova edición, ademais do apoio da Deputación de Ourense, temos o da Axencia de Turismo de Galicia, seguimos ofrecendo esas formacións teóricas e prácticas, co propósito de que os que nos visiten non só desfruten das nosas marabillas naturais e culturais, senón tamén conten con guías capacitados que os acheguen á esencia de Valdeorras, cada un de nós podemos ser un guía ou un recomendador do noso”, comentaba ao inicio do acto a presidenta de AEVA, Araceli Fernández.
Neste senso, aqueles que participen nesta formación terán a oportunidade de converterse en “Recomendadores/as oficiais da comarca de Valdeorras”, adquirindo un coñecemento dos recursos históricos, culturais, paisaxísticos e enoturísticos da zona. Ao finalizar as xornadas, os asistentes que superen a formación recibirán un diploma acreditativo que certifica a súa participación e recoñéceos dese xeito.
Ademais, “coa idea de difundir máis o proxecto estamos desenvolvendo unha plataforma online a partir da nosa páxina, recomendavaldeorras.gal, que vai servir de escaparate deste labor e tamén enriquecelo tamén cunha guía e, a medida que vaia pasando o tempo, sirva de comunicador, tanto de eventos da comarca, pretende ser unha páxina viva e contando o que se fai na comarca”, continuaba a presidenta de AEVA, que estaba acompañada pola deputada delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, e polo xefe da área
Fotoprovincial de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices.
Na quenda de intervencións, María Carmen González destacaba a “unión de todas as institucións e asociacións para vender cada día máis a marca Valdeorras e iso está calando. Cada día soa máis e levámola todos un pouquiño máis adentro. Temos unha terra marabillosa, somos a entrada de Galicia e, polo tanto, escaparate. Temos patrimonio, gastronomía, cultura e costumes propios e temos algo que ninguén ten: o turismo industrial, que pouquiño a pouco temos que desenvolver”. E lembraba que hai anaquiños de Valdeorras por todo o mundo grazas a un sector “global” como é o da lousa.
Pola súa banda, Santalices referíase ao potencial turístico da comarca de Valdeorras, indicando que “ten moito que ofrecer, unha riqueza histórica, cultural, enogastronómica, paisaxística e industrial, e creo que, dende os últimos anos, estase traballando e vai no bo camiño, hai un plan de sostibilidade e hai diferentes iniciativas… É interesante que a xente saiba o que ten aquí para poder vendelo”.
Deseguido, a presidenta de AEVA detalla os contidos e datas do proxecto, que comezará a partir do 19 de outubro, con apartados teóricos e saídas de campo. As xornadas cubrirán temas clave, como os recursos históricos, culturais e enoturísticos de Valdeorras, con saídas de campo que permitirán aos asistentes aplicar de maneira práctica o aprendido. Ademais, haberá un taller de fotografía móbil onde os participantes aprenderán a capturar imaxes impactantes para promover a beleza da comarca en redes sociais.
O equipo de formadoras estará composto por expertas en turismo e guías oficiais de Galicia. Tamén se ofrecerá un taller especializado en fotografía móbil, e impartirase formación en traballo en equipo e organización de eventos.
O acto contaba coa asistencia entre outras persoas, de alcaldes valdeorreses como os do Barco, O Bolo e A Rúa, ademais de representantes doutros municipios como Vilamartín. A presentación concluía cun aperitivo no que tamén se servían viños de Valdeorras.
Fotos e vídeos: A.R.
