Un grupo de veciños de Manzaneda, entre eles varios nenos, agardaban a primeira hora desta tarde na praza da Estía de Manzaneda para recibir con agarimo a un grupo de 10 refuxiados ucraínos. Viaxaban dende Vilagarcía con dúas veciñas do municipio, que se implicaron no seu acollemento, e por voluntarios de Protección Civil de Manzaneda.
Nada máis chegar e baixarse do vehículo soaban os aplausos e, emocionados recibían a cálida acollida da veciñanza. Entre esas persoas estaba outro cidadán ucraíno que traballa dende hai tempo neste municipio ourensán e que facía de intérprete. Deseguido, este grupo de refuxiados (con 6 nenos, 3 nais e unha avoa) dirixíase ao albergue municipal, situado na mesma praza, onde levaban a súa equipaxe, axudados polos veciños. Despois compartían un xantar no Bar Nevada.
María Fernández e Almudena López eran as dúas veciñas que promovían esta iniciativa. Tristes e moi afectadas polo que estaba a suceder en Ucraína decidían non cruzarse de brazos e facer algo para axudar. Comezaban recollendo material humanitario, como comida, roupa e outro tipo de artigos de primeira necesidade, pero despois, deron un paso máis e apostaron por acoller refuxiados.
“Falamos co Concello para que nos deixaran o albergue e quedámonos coa comida e coa roupa reunida para darlla a todos os que veñen. Esta iniciativa nace dos choros de ver o que está pasando que é unha loucura, non deberían pasar estas cousas, e tamén pola necesidade de axudar. Imos facer todo o posible por axudar a estas familias”, aseguran María e Almudena.
Ademais, explican que “a sensación de recibilos é incrible porque ver a eses nenos de onde veñen, con esas nais que senten un medo terrible pola incertidume de a onde van, elas só están pensando en buscar traballo e traballar, non chegar aquí e que lle deamos todo, elas queren traballar xa, din non sabemos o idioma pero podemos traballar limpando ou facendo algo, non queren estar quietas, queren dalo todo, veñen con moitas ganas”.
María e Almudena agradecen así mesmo o apoio da veciñanza. “A xente apoiou bastante con comida, con roupa, e tivemos o cariño do pobo, por iso damos as grazas”.
Esta tarde o grupo descansará e a partir de mañá comezarán unha nova vida en Manzaneda, de feito os nenos xa se incorporarán ao colexio. “Queremos que se asenten, se adapten e intentar darlles unha vida, non vai ser como a que tiñan, pero polo menos que se sentan cómodos, iso é o importante”, engaden María e Almudena.
Unha das persoas do grupo, unha avoa (que viaxa cos seus netos, a súa filla e nora), contaba como foi a súa saída dende Ucraína, dende o día 4 que partiu da súa casa, e a súa chegada ata Galicia e amosaba emocionada o seu agradecemento polas moitas persoas boas que se atopou nesta experiencia e que lles permitiron chegar ata Manzaneda e ser acollidos.
Entre as persoas que recibía a este grupo de ucraínos estaba o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández. “Hoxe é un día triste e alegre porque puidemos recibir aquí a estas 10 persoas que veñen dende Ucraína grazas ás xestións que estivo facendo sobre todo Almudena. É unha pena, pártese o corazón, é terrible que no século XXI teñamos que ver esas cousas que aínda pasan”, dicía o rexedor.
Ademais amosaba o apoio do Concello para axudar a este grupo de refuxiados “en todo o que sexa posible. “No municipio temos xente de Ucraína que estaba traballando e vive aquí e eles van colaborar facendo de tradutores, ímonos apoiar neles para ver todas as súas inquietudes, a súa situación actual e a partir de aí arranxar todo o papeleo para poñelos ao día”, indicaba Amable Fernández.
Fotos: Carlos G. Hervella.