EntrevistasÚltima hora

Aimar Vega: “Esta novela é unha gran mentira e ten unha estrutura tan cambiante que non dá tregua”

Este mozo, nacido en Manzaneda e veciño de Trives, presentará o venres nesta última vila a súa primeira novela "La mansión de las mentiras"

Aimar Vega, co súa primeira novela “La mansión de las mentiras”./ Cedida.

 

Mentiras, humor, misterio, corrupción, abuso de poder e mortes nunha complexa e vertixinosa historia que aposta por enganchar ao lector dende o primeiro capítulo. Así é “La mansión de las mentiras”, a primeira novela de Aimar Vega, un mozo que se move no terreo da realización audiovisual e que decidía probar sorte na escrita con este libro, autoeditado e que presentará o vindeiro venres ás 19:30h. na Casa da Cultura de Trives.

Natural de Manzaneda e veciño de Trives, Aimar tiña moi claro dende meniño que quería ser artista. “Con 3 anos xa vin “El Señor de los anillos” e empecei debuxando aos seus amigos, coches e montros durante os recreos, no patio do colexio. E moitas das grandes historias ás que agora lles adico a miña vida, céntranse en toda esa etapa, levan xestándose dende entón”, conta.

Con 8 anos entraba no mundo da banda deseñada, enchendo con eles cadernos e algún libro en branco, por defectos de edición, que lle facilitaba un dos seus profesores. “Regaloumo e enchino de debuxo. E esa foi a miña gran obra ao final da primaria, logo entrei na ESO que era un mundo completamente distinto, pasando do colexio de Manzaneda ao instituto de Trives, pero o tema de debuxar sempre estivo aí, sempre se me buscou para iso, entón facía cousas de todo tipo como pancartas, pero iso non se traducía nunha subida da nota”, di rindo, “aínda así a moitos dos meus profesores daquela convideinos a presentación en Trives e  espero que veñan”.

En terceiro da ESO convertíase en presentador de toda clase de galas no instituto, e con elas chegaban “os meus primeiros monólogos, aínda que eu sempre fun de disfrazarme, de poñer voces, de imitar a famosos ou mesmo familiares. De feito nas reuniós familiares facía o meu show, con vídeos, imitacións, sketeches, aí empezaba a miña traxectoria, empecei aí, e logo nos festivais”, explica.

Tras rematar o bacharelato, trasladábase a Vigo a estudar os dous anos ciclo superior de Realización en proxectos audiovisuais e espectáculos, durante o cal se implicaba en multitude de proxectos e facía as súas prácticas na CRTVG. Despois apostaba por seguir formándose e realizaba o o máster de guión audiovisual con Atresmedia. É un xove moi activo e inquieto que agora está meténdose no teatro, ademais de estrearse como escritor.

¿Como é que alguén centrado no mundo audiovisual, aposta por escribir un libro?

Intento probarme en todos os estilos que existen, pero creo que o que mellor se me dá é ser guionista e o que máis fago é escribir en formato de guión, que é moito máis externo e máis frío nese senso.

¿Que é “La mansión de las mentiras”?

É unha novela, diría que unha comedia, pero tamén ten misterio. Gústame contar historias, pero nun tono moi cínico, moi irónico e dunha forma bastante visual nese senso… A trama é de misterio, pero os personaxes son moi cómicos e esa contraposición complícao todo moito.

Cando di visual, ¿refírese ao xeito no que está escrito ou estruturado ao libro ou é que tamén inclúe imaxes?

Hai ilustracións, que son todas miñas, porque tamén me dedico á banda deseñada, e nese caso os capítulos teñen a súa portada, que é un debuxo. Non é que o libro estea sobrecargado de debuxos, senón que é máis ben o que dis ti, o vocabulario, a linguaxe e o punto de vista, que é moi externo, está narrado en primeira persoa pero o narrador de toda a historia é un can.

¿Un can?

Si, a novela vai sobre unha familia de ricos insufrible, formada por dous irmáns, as súas mulleres e os seus fillos, que viven nunha gran mansión e o narrador da historia é o can, un personaxe interno da familia, pero que non intervén. El fai a súas conxeturas, ten as súas opinións, ve moitas cousas, porque, claro, se ti se estás facendo negocios ilegais por teléfono e entra o teu fillo ou a túa muller, calas, pero se entra o can, non pasa nada. Entón o can pode ver e escoitar moitas cousas que os demais non saben e por aí van un pouco as mentiras, porque el ao mellor sabe como solucionalo todo, porén non pode dicirllo a ninguén.

Ese punto de vista resúltoume moi interesante e é o que estaba buscando a nivel audiovisual, xa que estou acostumado a non narrar en primeira persoa e non quería que o lector se identificase con ningún dos personaxes realmente. E este narrador externo axuda a dar esa visión cínica, de que todo o que está pasando é un desmadre e de que ninguén é boa persoa en realidade.

O libro comeza ademais de maneira contundente, cunha morte…

Si, de feito o primeiro ten unha páxina. Comeza dicindo algo así como Cuando vi a doña Rosita Sin Fondo correr coa escopeta polo pasillo asusteime. A historia empeza moi a tope, co suicidio da criada da mansión, e con esa primeira imaxe  quería plasmar esa situación. Eu sempre uso o que chamo as miñas tres Cs, que son a comedia, a coralidade e o caos.

Recorro á comedia para un punto de vista cínico, e iso veise ao longo da novela porque a pesar de que a criada era unha persoa moi cercana á familia e que levaba toda a vida con eles, os problemas reais desta xente tras a súa morte son que agora ninguén lles fai de comer, nin lles saca o can a pasear… Fáltalles unha persoa que lles faga a vida fácil. E aí xogo co humor.  Logo, a coralidade é algo que me encanta porque non me gusta o xogo de bos e malos, senón dar moitos puntos de vista e moitas contraposicións. E dentro dese amasixo de personaxes desastrosos podemos ver que algúns poden ser moi malas persoas de cara ao público, pero logo son os mellores pais, e ao mellor os que parecen os mellores pais, ou os mellores fillos ou os máis bos, por dentro son os máis complicados. Busco complicalo moito e darlle voltas aos personaxes para que sexan máis complexos.

¿E o caos?

Tamén me gusta moito, por iso quixen comezar dese xeito a historia, quixen facer a típica primeira escena de calquera película ou serie que empeza e te planta nunha situación terrible e logo xa imos vendo quen estaba aí de verdade. No caso desta escena saen todos ao corredor a ver iso e logo vou desenvolvendo quen son cada un deles. O libro é unha gran mentira porque a trama ten dúas lecturas, unha é a verdade e outra a mentira. E trátase de que cada un xulgue o que queira, unha explicación tira polo lado máis paranormal, máis fantástico e logo a outra é a realista.

Supón unha lectura supercomplexa e que tamén fala de como nos complicamos a vida ás veces, intentamos buscar a resposta máis enrevesada a todo, cando en realidade é moi simple, eres mala persoa e xa está. Entón xoga moito a iso, ao cinismo e aos personaxes que non son tan malos como poden parecer ao principio, pero teñen os seus defectos.

 

Portada da novela.

 

¿Que elementos manexa na novela e como está pensada a súa estrutura?

Ten un pouco de todo, quería probar moitos estilos distintos. Está estruturada por capítulos nos que se van contando diferentes historias, tamén se me ve moito o plumeiro audiovisual aí porque posúe un estilo moi serial. Hai capítulos nos que saen uns personaxes e non saen outros, o único que está presente sempre é o can porque é o narrador e o punto de vista que seguimos. Logo hai un capítulo, por exemplo, que é un conto con debuxos e coas letras colocadas con ese estilo, hai capítulos con pseudocapítulos dentro, por exemplo os mozos organizan unha festa durante unha semana e dentro dese capítulo enteiro imos vendo o que fan cada día… E incluso noutro capítulo hai un dicionario hai un dicionario da Real Academia das Mentiras, que reúne todas as mentiras da humanidade.

Probei moitas estruturas, pero non entrei na banda deseñada porque estou moi acostumado a debuxalo todo e neste caso penseino como un libro e non quería plasmar unha imaxe dos personaxes. Inclúe unha portada, no segundo capítulo, coa familia enteira, pero é un boceto, non hai detalle, nin hai caras, senón catro raias que definen un pouco quen é quen, descríbeos de forma sinxela. Dedícolle moito tempo a describir aos personaxes, tanto por fóra como por dentro, pero eu quería que a imaxe concreta estivera na cabeza de cada un dos lectores.

Búscase atrapar ao lector dende o primeiro momento…

Exacto, de aí que a estrutura sexa tan cambiante e tan chamativa, non dá tregua porque pasas páxina e dis isto xa vai doutra cousa, isto xa é distinto, entón aí xa é moi complicado soltarse.

¿A primeira presentación vai ser a de Trives?

Si, aquí que é onde me sinto a gusto e, ademais, sempre que ando gravando por aquí todo o mundo se porta moi ben comigo, e non é a primeira vez que organizo algunha rodaxe e traio xente de Vigo ou de Ourense ata aquí porque podo facer de todo, gravei en bares, en locais, no Concello… Levo sempre por bandeira esta zona…

¿Como se pode adquirir o libro?

Na propia presentación vai estar á venda e tamén se pode conseguir contactando comigo. Agora mesmo está en Amazon, en LibrosCC e tamén nalgunha librería en Ourense e en Trives. Logo a idea é distribuílo tamén noutras librerías.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button