En portadaEntrevistasÚltima hora

Puri Escuredo, presenta a súa primeira novela: “A historia de “Destino” foi un regalo”

A escritora, veciña de Vilariño de Conso, presentaba o libro en abril nesta vila e no Barco e en maio farao en Viana do Bolo

A escritora Puri Escureo.

 

Anos atrás unha muller octoxenaria e procedente da Arxentina entraba no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso, onde traballaba Puri Escuredo. Viña buscando os lugares de orixe da súa familia e nesa visita contáballe unha fermosa historia que impactaba a Escuredo, quen decidía convertela primeiro nun conto e, despois, darlle forma de novela. Así nacía “Destino”, cuxa publicación se financiaba a través dun proxecto de crowdfunding.

“Esa historia foi un agasallo que me fixo Elsa e tamén foi un agasallo o poder chegar a publicala”, conta Puri Escuredo, que tras presentar este libro en abril en Vilariño de Conso, municipio no que reside, e no Barco, fará unha nova presentación o 18 de maio ás 20:30h. en Viana do Bolo.

– “Destino” está baseada nunha historia real vinculada ao rural galego e á emigración…

Foi unha historia que veu a min. Un día a filla dos protagonistas do libro, Elsa, chegou ao Xulgado de Paz. Era unha persoa de avanzada idade que viña da Arxentina e quería ver onde nacera o seu pai, que era de Padroalbar (Vilariño de Conso) e a súa mai, natural de Chandrexa de Queixa. Quería coñecer os lugares dos que lle falaban os seus pais e, entón, contoume a historia.

O libro ten moitos elementos, pero a base é unha historia de amor deses dous personaxes. A min impactoume ese relato, sorprendeume como o destino te coloca onde tes que estar e no momento oportuno, aínda que sexa cun océano polo medio. Elsa contoume que estaba escribindo a historia pero que non se lle daba ben e que tiña pena porque xa era moi maior e, cando morrese, ninguén ía saber deses feitos. Iso quedoume rondando na cabeza ata que ao final decidín escribila.

– ¿Como foi ese proceso?

A min encántame ler e sempre tiven a espiniña de escribir, entón comecei escribíndoa como se fora un conto, despois un relato un pouco máis longo, mesmo estiven a piques de presentalo nun concurso, pero non me atrevín. E, cando xa tiven tempo, decidín que ía aprender a escribir un pouco mellor, fixen un par de cursos de escritura creativa e o profesor leu os contos e díxome que tiñan potencial, pero hai que meterlles máis cousas. Así que traballamos a historia, distorsionámola moito e saíu esta novela.

Nela, supoño que como a moitos escritores noveis, saíronme moitas cousas persoais, historias que me contaba o meu avó das casas grandes onde traballaba a miña avoa e tamén da familia da miña mai, natural da zona de Coruña e de costureiras, que dende os 12 aniños ían coa máquina de coser ás casas. Tamén metín elementos de cando eu fun emigrante en Londres, por exemplo, hai personaxes da Arxentina que teñen moito que ver con iso. Ao final plasmas a túa vida.

 

Puri Escureo na Feira do Libro do Barco.

 

– ¿Que lle resultou máis complicado á hora de escribir o libro?

Cando empeci o profesor indicoume que había que escribir planeando, cunha escaleta, con orde, pois iso é o que eu non sabía. Comentoume que había métodos, que había que ir introducindo puntos de xiro, cambios de ritmo, e logo co teu estilo e coa túa forma de facer, escribir.

Eu son moito de personaxes, de sentimentos e de emocións, máis que de descricións longas, así fixen moito traballo de personaxes. Ninguén é perfecto e así se plasma neles, todos temos demos, anxos, hai moito amor, moito odio.

Saíume todo como moi fluído, o máis difícil é quizais a parte da corrección, é dicir, cando xa o acabas, ser crítico co que fixeches. Ese proceso paréceme dificilísimo e é o que menos me gustou do proceso, o de corrixir e volver reescribir, iso paréceme aburridísimo pero moi necesario.

– ¿A que tipo de público vai dirixido o libro?

A lectores adultos. Estou tendo un feedback moi interesente con xente maior, con mulleres de idade e mesmo con homes que se emocionan moito coa historia. Quizais a xente que viva no rural se sinta máis identificada e ao ler o libro recoñeza as historias dos seus antepasados, os emigrantes, os que viven fóra… Deuse o caso dunha lectora de 80 anos que nunca lera un libro enteiro ata “Destino” e cando as súas fillas lle preguntaron contestaba que era ela a que aparecía no libro. Paréceme moi bonito que alguén se identifique coa historia.

 

A autora presentado “Destino” no Barco.

 

– ¿Está narrada en primeira persoa?

Non, a historia está narrada en terceira persoa pero dende os puntos de vista dos diferentes personaxes, vai saltanto. Uso o punto de vista do personaxe que é o protagonista en cada capítulo. Tamén emprego algún salto no tempo xa que para entender o que pasa o lector ten que irse para atrás, atrevinme a facer un pouco de xogo.

– Elsa, a muller que lle contou esta historia, ¿segue viva?

Que eu saiba si, de feito falei con Elsa hai uns meses e espero que siga ben. Vive na Arxentina e vou intentarlle facer chegar o libro. Sería moi bonito que puidera lelo.

– Despois desta primeira novela, ¿a súa intención é seguir escribindo?

Si, si. Teño un par de proxectos en mente, un deles xa a medias. Serán historias que non teñen nada que ver con esta, pero si novelas. De feito a seguinte está ambientada en Vilariño de Conso. En “Destino” non se concreta o lugar, sabes que é no interior de Ourense, pero non se ubica. Nesta segunda novela si que vai figurar o lugar con nomes e apelidos. Ademais neste caso, a diferenza de “Destino”, a historia si que está totalmente inventada e vai ser unha novela negra.

Texto e fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button