CulturaCulturaOpiniónÚltima hora

Un libro para ler

Artigo de Victoria Sánchez Regueiro sobre "A culpa" de María Solar

Victoria Sánchez Regueiro./ Cedida.

 

Despois de ilustrarnos sobre unha das expedicións filantrópicas máis fascinantes da humanidade, coa novela Os nenos da varíola, este 2022, María Solar volveu deleitarnos cun libro extraordinario, A culpa, cuxo mérito foi xustamente recoñecido coa distinción do Premio Xerais.

A novela parte dun enredo trivial: unha moza deprimida, tralo abandono da súa parella sentimental, e desmotivada por un traballo tan esgotante como anódino, nunha oficina bancaria, recibe a chamada dun notario que lle comunica que é a herdeira universal dunha singular clienta, unha vella da que non lembra senón o seu cheiro fedorento.

A partir desta maraña, a narradora vai artellando unha trama que atrapa o lector desde a primeira páxina, obrigándoo a ler sen respiro ata descubrir un final totalmente sorprendente.

Os temas que aborda resultan, polo contrario, dunha absoluta trascendencia e actualidade: os abusos sexuais sufridos polas nenas na propia familia, a trata de mulleres por proxenetas, a dobre vida que teñen que soportar os homosexuais nesta sociedade hipócrita ou o poder absoluto e corrosivo do diñeiro, son algúns exemplos.

 

 

Se é certo que a realidade supera a ficción, ben podemos dicir que os sucesos narrados nesta novela son tan asombrosos como se fosen reais; e os personaxes que os protagonizan, uns auténticos monstros, nos que calquera de nós podería verse reflectido.

Escrita nun estilo natural e sazonada cunha xenerosa dose de humor de bo gusto, A culpa é, para os que somos amantes da lectura, unha regalía.

Texto: Victoria Sánchez Regueiro.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button