En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Alejo Ares (Adas, O Barco) subcampión da San Martiño 2017

O ourensán Alejandro Fernández subía ao alto do podio, logrando o seu 3º triunfo na carreira popular

Cunha final de infarto concluía a 41ª Carreira popular pedestre do San Martiño que se celebraba na mañá do 19 de novembro en Ourense. Con apenas 12 segundos de diferencia entraban en meta os tres corredores máis rápidos: en primeiro lugar, o ourensán Alejandro Fernández Rivera que cruzaba a liña aos 30 minutos e 41 segundos e, só 3 segundos despois facíao Alejo Ares Prada do Club Adas O Barco que dominaba a proba a falta de dous quilómetros. O terceiro caixón do podio foi para David Santos Domínguez, que completou o percorrido en media hora e 54 segundos. Na categoría feminina o primeiro posto foi para Marta Casanova (34:48) seguida por Ester Navarrete Santana (35:14), e Sandra Mosquera Losada (36:13). Malia ser a máis rápida, os xuíces descalificaron a Marta por un problema burocrático, subindo ao alto do podio Navarrete, pero unha reclamación á Federación Española de Atletismo xa pola tarde, devolveulle o triunfo á asturiana.

Son os resultados dunha carreira que segue sendo multitudinaria con preto de 11.000 inscritos nas tres categorías (absoluta, escolar e cativos). A absoluta foi a primeira en disputarse. Co presidente do COE, o ourensán Alejandro Blanco dando o pistoletazo de saída, os corredores chegados dende diferentes puntos de Galicia tomaban as saída ás 11 da mañá dende a mítica Ponte do Milenio, percorrendo os 10 quilómetros de rigor polas rúas da cidade, nunha mañá que amencía con néboa, fría pero seca.

 

Saída da carreira absoluta.

Unha néboa que xa despexaba, dando paso a un intenso sol, cando tomaron a saída os participantes na carreira escolar, de novo dende a ponte do Milenio, onde o presidente do Club Adas O Barco, Agustín González, daba o pistoletazo de saída á carreira de 4,7 quilómetros. Os últimos en correr eran os máis pequeniños acompañados na maioría dos casos polos seus pais, sobre unha superficie de 1,7 quilómetros.

Ourense celebraba así a 41 edición do seu evento deportivo por excelencia, unha das grandes clásicas do atletismo galego na que os profesionais pelexan por bater a súa propia marca, mentres o resto de participantes desfrutan dunha carreira na que colaboran moitos voluntarios e os vecinos de Ourense saen á rúa para animar.

 

Alejandro Fernández e Alejo Ares na meta.

Na galería de imaxes poden verse diferentes momentos da carreira, dende os preparativos, quecementos e saída ata a chegada á meta.

Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo e máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/gran-presenza-valdeorresa-na-xli-carreira-pedestre-popular-san-martino

Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button