PolíticaÚltima hora

Alfonso Rueda, proclamado candidato do PP á presidencia da Xunta nas eleccións galegas

 

Con “convencemento e firmeza”, pero “tamén con humildade, e co obxectivo de seguir gobernando para que Galicia non pare”. Así asume o presidente do PPdeG a responsabilidade de liderar a candidatura do seu partido ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro “Quero gañar obtendo a confianza maioritaria da xente na miña palabra e tendo feitos cos que merecela, debéndome só aos galegos e ás galegas”, aseguraba neste domingo en Santiago, no seu acto de proclamación como candidato do PP.

Chamando aos seus a non caer no conformismo e a non dar nada por gañado, Rueda quixo agradecer o seu apoio a todos os que o acompañaron ao longo deste camiño e presentouse ante eles non só como candidato á presidencia, senón como “militante de base e como persoa que cre que a política do PPdeG é a máis útil para mellorar as cousas”.

Reivindicou neste sentido ao PPdeG como “o primeiro partido de Galicia e o que máis se parece aos galegos e galegas, recoñecendo a responsabilidade que supón lideralo na medida en que ser o primeiro partido de Galicia implica estar á altura dos desafíos e dos retos de Galicia”.

Rueda apostou por unha campaña “afastada da descualificación, da tensión, da crispación, de levantar muros e de falar mal de Galicia”. Promete, pola contra, facer unha campaña “centrada en Galicia e que fala de Galicia”, xa que iso é o que os galegos “demandan e necesitan”.

“Quero gañar para que Galicia sendo o que é: unha terra traballadora, aberta, fiable e leal”, afirmou ao tempo que amosaba a súa aposta por unha Galicia “que tenda pontes e non levante muros, que se relacione co resto de España en igualdade e sen egoísmo, na que prime o entendemento fronte ao conflito, na que todos teñamos sitio”. Unha Galicia “que se queira a si mesma, coas portas abertas ao positivo, que prefire resolver problemas en vez de enredar, que non ten por que ter envexa de ninguén e que xere confianza para a construción do futuro”.

Ao acto asistiron 1.500 persoas e nel tamén interviñeron, un en representación de cada provincia, o presidente local do PP de Santiago de Compostela, Borja Verea; a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; e o alcalde da Estrada, José López Campos. Logo das súas intervencións, o presidente Rueda incidiu en que na política “non todo vale” e que “non todo xustifica unha vitoria”.

Artigos relacionados

Back to top button