En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Alumnado e profesorado do IES Cosme López da Rúa realizan unha réplica do Mosaico da Cigarrosa

O resultado deste singular proxecto educativo presentábase este mediodía neste instituto

 

 

Un mes de maio de hai 54 anos saía á luz na Rúa o coñecido como “Mosaico da Cigarrosa”, un dos máis importantes da romanización en Valdeorras. A descuberta viña da man dun grupo de afeccionados á arqueoloxía que nos anos 60 formaban Os Escarbadores. As circunstancias fixeron que, desgraciadamente, deste fabuloso conxunto de teselas apenas queden pequenos anos, algúns depositados no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Co fin de achegar ao alumnado ao valor e importancia deste legado romano, dende o IES Cosme López da Rúa poñíase en marcha neste curso unha singular iniciativa: a elaboración dunha réplica do mosaico. Para iso tomábase como referencia a documentación gráfica existente.

 

 

O resultado dese traballo de estudantes e profesorado amosábase este mediodía no salón de actos do centro educativo, ao final dun acto no que ademais dos creadores da réplica e outro alumnado do instituto, tamén se contaba coa presenza do arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer Sierra, que expoñía as características do mosaico, así como do presidente do IEV, Aurelio Blanco, dun dos Escarbadores, José Luis González, e tamén do autor das fotografías, Ragar, entre outras persoas.

 

 

Tamén se proxectaba un vídeo que recollía o proceso de realización da réplica. Despois dela, amosábase este traballo educativo.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button