CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Alumnos do CEIP Condesa de Fenosa inauguran a mostra sobre a arte do gravado, no Barco

A exposición 'Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló' de Afundación, en colaboración con ABANCA e o Concello estará na Sala ABANCA ata o 7 de maio

 

Dende hoxe e ata o 7 de maio (de luns a venres de 18 a 20:30 horas e sábados de 11 a 13:30 horas), estará aberta na sala de ABANCA, no Barco de Valdeorras, a mostra ‘Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló’.

A través dos artistas máis destacados do século XX español, esta exposición pretende dar a coñecer as técnicas tradicionais do gravado calcográfico e as súas variantes, en especial a xilografía, a litografía e a serigrafía. En ocasións, a delimitación entre unha técnica e outra non é tan nítida xa que os artistas actuais son quen de mesturar as distintas técnicas e mesmo inventárense outras novas.

 

 

Esta exposición, composta por pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación, permite ampliar coñecementos sobre a obra dos mestres gravadores da arte española entre os cales destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.

Así, no proxecto expositivo o visitante atopará un Dalí ilustrador de pezas literarias con dúas obras pertencentes a A divina comedia (1960); o artista da vangarda ilustrou tamén Cantos de Maldoror (1934), O Quixote (1957) e a Tauromaquia surrealista (1976). A mostra deixa constancia, así mesmo, de como as obras calcográficas de Joan Miró rivalizaron coas pinturas de Dalí en intensidade e beleza, proba disto é a magnífica obra que se seleccionou nesta ocasión, Quatre colors aparien el món, na que a liberdade coa que Miró se enfrontaba á súa obra produciu unha das imaxes máis belas da plástica do século xx. O Picasso gravador fai, tamén, unha importante achega á exposición. Despois dos anos vinte, aínda que esporádico, o artista malagueño foi un xenial gravador, pero será a partir dos anos corenta cando aumente a súa produción de gravados e xurdan, así, as súas obras mestras neste campo. Na mostra poden verse algúns dos seus principais traballos neste eido, tales como a serie de A celestina e A danza.

 

 

 

Os primeiros en desfrutar desta exposición eran os alumnos de 4º de Primaria do CEIP Condesa de Fenosa que asistían á inauguración que tiña lugar na mañá deste xoves 7 de abril. Un acto que tamén contaba coa asistencia da concelleira de Cultura do Barco de Valdeoras, Margarida Pizcueta; do coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

 

 

Esta mostra é froito da colaboración enmarcada no proxecto ‘Corrente Cultural’, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo; e tamén da iniciativa ‘Cultura por Alimentos’ que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Banco de Alimentos e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Por iso, a entidade convida aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button