ConcellosEleccións municipais 2023ManzanedaÚltima hora

Amable Fernández (PSdeG-PSOE), reelixido alcalde de Manzaneda

Afronta o seu segundo mandato, pero será a primeira lexislatura na que goberne con maioría absoluta

 

Esta tarde botaba a andar a nova lexislatura municipal en Manzaneda. O salón de actos do Concello acollía a sesión plenaria na que se constituía a nova Corporación local. Tras a formación da preceptiva mesa de idade, os concelleiros tomaban dos seus cargos: 5 son do partido socialista e 2 do PP.

Despois, a sesión continuaba coa elección de alcalde, na que resultaba elixido o socialista Amable Fernández Basalo, sendo ademais o único candidato, xa que o cabeza de lista do PP, Pedro Yáñez, renunciaba a presentarse. Deste xeito, mantense nun cargo ao que accedía por vez primeira no 2019, pero no que agora gobernará con maioría absoluta.

Tras tomar posesión o rexedor comezaba o seu discurso enviando “un agradecemento enorme a todos os que nos apoiaron e que creron no traballo realizado nestes catro anos e que nos dan súa confianza para outros catros anos. Nós imos esforzarnos o máximo para que, cando acabe a lexislatura, ninguén estea decepcionado por ternos dado o seu voto”. Ademais daba a benvida a todos os concelleiros da Corporación municipal, de xeito especial aos novos, “Antonio e Miguel, para quen a súa primeira incursión nestas lides, e espero que lles sexa todo moi levadeiro”.

 

 

Amable Fernández tamén manifestaba sentirse “moi ilusionado con esta nova etapa” e que “imos redobrar os esforzos para traballar por Manzaneda, co apoio tamén do PP, na anterior lexislatura nunca tivemos conflitos entre nós e iso é de agradecer. Entón, o que imos facer é consensuar cousas, tanto entre nós, como coas outras administracións, xa que somos un concello pequeno, e temos que ir todos man, tocar en diferentes portas e chegar a acordos. É cuestión de insitir e traballar. Ademais están as portas abertas a calquera veciña, as pequenas cousas do día a día son as que consideramos fundamentais”. Finalmente agradecía a asistencia do público á sesión plenaria e desexaba “que teñamos unha lexislatura moi tranquila no plano social”.

 

 

No pleno interviña tamén o concelleiro do PP, Pedro Yáñez, quen expresaba as súas felicitacións ao alcalde e aos concelleiros e indicaba que “nos tendes para traballar cóbado con cóbado polo Concello e pola xente de aquí”.

Tras a sesión, o alcalde convidaba á Corporación municipal e ao público asistente ao pleno a tomar algo no bar máis próximo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button