SanidadeÚltima hora

Ana Miranda (BNG) pide na Eurocámara máis recursos destinados á saúde mental

A eurodeputada resalta a importancia de "loitar contra o illamento, o suicidio e a estigmatización"

A eurodeputada Ana Miranda no Parlamento europeo.

 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu no pleno do Parlamento Europeo que se está celebrando en Estrasburgo a necesidade de incrementar os recursos destinados á saúde mental, xa que “segundo denuncia o Movemento Galego da Saúde Mental, Galiza está por debaixo da media europea”.

Miranda asegura que “faltan psicólogos e psiquiatras nos centros de saúde, unidades hospitalarias para a infancia e a mocidade, e máis de 10.000 galegos están agardando para ter unha consulta”. Subliñou a importancia de que se produza un debate na Eurocámara sobre este tema como paso fundamental na “loita contra o illamento, o suicidio, a estigmatización, a discriminación, os estereotipos, as carencias materiais e afectivas e a pobreza”.

Precisamente a Comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, agradeceu a Ana Miranda compartir a súa experiencia persoal no plenario, xa que iniciou a súa intervención falando da súa propia vivencia. “Este é un debate que sinto na pel cando meu finado pai foi internado por trastorno bipolar ao saber que miña nai tiña Alzheimer. Nunca pensei estar póndome na pel de tantas familias”, sinalou.

O BNG lembra que ten “denunciado en diversas ocasións que dous anos despois da aprobación do Plan de Saúde Mental de Galiza 2020-2024 a Xunta aínda non investiu nin unha cuarta parte dos 83 millóns de orzamento co que estaba dotado inicialmente e tampouco cubriu nin a metade das prazas de profesionais previstos (117 de 241)”.

Ana Miranda concluía que “é fundamental reforzar a saúde pública para atender a saúde mental”.

Artigos relacionados

Back to top button