ConcellosÚltima hora

A Andaina Solidaria do Pan de Cea recadará fondos a prol da biopsia líquida

O evento terá lugar o 25 de xuño. Tras iso será a Ruta dos Fornos do Pan de Cea, o 1 de xullo, e logo a XXVI Festa da Exaltación do Pan de Cea, o 2 de xullo
O grupo Oncomet está liderado polo vilamartinés Rafael López.

O presidente, vicepresidente e o secretario do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida do Pan de Cea, Carlos Manuel Rodríguez, Juan Luís Calviño e Ricardo Losada Blanco, respectivamente, presidiron hoxe, 29 de maio, unha degustación de receitas feitas co Pan de Cea da man da Casa de Turismo Rural “O Cruceiro” (San Cristovo de Cea) baixo a dirección da chef Emma Pinal. Tanto os vogais, como os elaboradores inscritos integrantes da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, xornalistas e persoeiros representantes doutros colectivos que asistiron á degustación, puideron comprobar de primeira man a versatilidade deste produto de calidade na gastronomía moderna.

O menú degustación comezou cunha” Escuma de Sopa de allo con Pan de Cea”, para despois seguir cunha “Torrada Salgada”, tamén con Pan de Cea e toques mariñeiros, pepitos de tenreira de Galicia, e tortilla de pataca amparado baixo a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, rematando cunha sobremesa a base de Sandwitch xeado de chocolate de Pan de Cea.

A base do menú foi sempre o Pan de Cea.

Carlos Manuel Rodríguez aproveitou o encontro cos medios para presentar os carteis anunciadores das actividades da XXVI Festa de Exaltación do Pan de Cea, da Ruta dos Fornos de Cea e da Andaina Solidaria “Festa do Pan de Cea”. Así a cita do pan de Cea será o domingo 2 de xullo, mentres que a Ruta dos Fornos, terá lugar un día antes, como marca a tradición. Previamente, ofrecerase unha nova edición da Andaina Solidaria, que terá lugar o domingo 25 de xuño. Os fondos recadados destinaranse ao proxecto de investigación da biopsia líquida, que promove para loitar contra o cancro o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, liderado polo vilamartinés Rafael López.

Ao mesmo tempo tamén presentaron a nova web do Consello Regulador que, segundo Carlos Manuel Rodríguez, “conta con maior carga visual , vídeos e fotografías e intégranse as distintas redes sociais e incluso ofrecerá a posibilidade de seguir eventos via streaming”.

Na presentación tamén se deu a coñecer a nova web.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button