En portadaÚltima hora

Ángel Stanich, Joe Crepúsculo e Niña Polaca, cabezas de cartel do SilFest Valdeorras 2023

Esta mañá presentábase o programa deste festival que se celebrará na praia fluvial do Malecón do 15 ao 15 de xullo

 

No mesmo escenario no que se desenvolverá en apenas uns días, na praia fluvial do Malecón do Barco, a organización do SilFest Valdeorras presentaba os contidos da sétima edición deste evento, previsto do 13 ao 15 de xullo. Neste acto participaban, ademais de dous representantes da organización, Aida Estévez e José Carlos Vilor; o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta; e, en representación de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices.

O cartel deste 2023 incluirá ata 16 bandas de renome no paronama nacional e galego, tal e como destacaba Aida Estévez: Ángel Stanich, Joe Crespúsculo, Niña Polaca, Alberto & García, Fillas de Cassandra, Yoly Saa, Luis Fercán, Joana Serrat, The Gulps, Whisky Caravan, Casino Montreal, Capital Voskov, Adrian Timms, Señora Dj, Dj Lagartija e Hawkins Dj. A elas súmanse os artistas do Mini SilfFes, con espectáculos para a cativada: Pakolas e Javier Becerra.

“Imos xa pola sétima edición deste festival que consideramos que é moi importante para O Barco e tamén para Valdeorras, cun programa que achega propostas para todos os públicos e de referencia a nivel galego e mesmo español. Estamos moi en contacto con outros festivais e vemos que toda a xente que vén, repite. Nesta edición, novamente, imos dalo todo e pensamos que contamos cun bo cartel, para que desfrute todo o mundo”, indicaba Estévez, adiantando que o programa completo de actos se publicará esta tarde nas redes sociais do festival.

Ao longo de tres xornadas o público gozará, ademais dos concertos, de catas de viño da Denominación de Orixe Valdeorras, de gastronomía incluíndo iniciativas como un showcooking, actividades na natureza e nun entorno único polo que discorre o Camiño de Inverno.

 

 

Tanto Aida Estévez como José Carlos Vilor agradecían o apoio das institucións (Concello, Deputación e Xunta) para levar adiante o festival, así como o patrocinio de diversas empresas de Valdeorras, “que sempre nos apoian. Isto facémolo para a xente de Valdeorras para que poidan vir a desfrutar e tamén para achegar aos máis pequenos ao mundo da música”, por iso animaban á ao publico “a participar e implicarse no SilFest”.

Nese mesmo chamamento insistían tanto a concelleira de Cultura do Barco como o alcalde, indicando que o SilFest “é o mellor impulso non só para a cultura, senón tamén para a economía e o turismo da zona”. Finalmente, en representación de Turismo de Galicia interviña Cecilio Santalices, quen destacaba que este é “un festival familiar, que vai dirixido a todos os públicos e que se celebra nunha paraxe excepcional. Dende Turismo de Galicia apostamos por esa diversificación e tamén pola posta en valor do Camiño de Inverno, polo turismo, o enoturismo e a gastronomía”, liñas que fan singular tamén a este evento. Santalices tamén engadía que estaba convencido de que esta edición “vai ser un éxito”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button