ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

Aparecen cortadas máis árbores na praia fluvial do Malecón do Barco

 

De novo sorpresa e indignación entre a veciñanza do Barco tras aparecer nesta mañá tres árbores taladas por completo na praia fluvial do Malecón do Barco. Trátase dun novo acto vandálico que se produce na mesma zona na que hai  apenas un mes tamén se descubriran varias árbores cortadas.

Ante este feito o Concello do Barco vén de anunciar que presentará ao longo desta mañá unha denuncia no Cuartel da Garda Civil do Barco tras os destrozos rexistrados en catro árbores situadas na Praia Fluvial co Paseo do Malecón, e outra á altura das piscinas municipais, tamén na marxe do río.

“As árbores foron cortadas polo pé, posiblemente cunha motoserra. Hai dúas semanas, outros tres árbores sufriron tamén o mesmo tipo de danos. Coa denuncia, o Concello espera que a investigación leve a identificar aos autores dos destrozos”, segundo informa o Concello que considera estes feitos “un atentado contra o medio ambiente e contra os intereses de todos os veciños do municipio, que están a ver cómo persoas sen escrúpulos están a destrozar o que é de todos, nun entorno que está para o gozo de toda a veciñanza”.

 

 

As árbores (fresnos) que foron atacadas tiñan en torno a 15 anos de idade e formaban parte da arboleda existente na praia fluvial do Paseo do Malecón, na zona máis concorrida pola veciñanza nos meses de verán.

O Concello estima en “8.000 euros os danos causados por este ataque, e en moito máis o dano moral infrinxido a todos os barquenses, que tardarán moitos anos en volver a gozar deste espazo nas mesmas condicións que tiña ata agora”.

Así mesmo o Concello advirte “unha intencionalidade evidente tanto de desprestixiar o traballo que se realiza por parte da administración municipal para o mantemento dunha zona tan fermosa como o Malecón, como de influír negativamente na imaxe das actividades culturais e musicais que se desenvolven neste entorno durante os meses de verán. Precisamente hoxe comezou a montaxe para a celebración do SilFest, que se celebrará ata o domingo na zona onde se rexistrou o destrozo de catro das árbores durante a pasada noite”.

Os grupos municipais do PP e o BNG súmanse á condena por estes feitos, tras unha reunión realizada polos portavoces municipais esta mañá.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button