
Xa é oficial. Levábase toda a semana falando da posibilidade pero non era ata onte pola tarde cando a Federación Galega de Futbol anunciaba o aprazamento do derbi entre CD Barco e UD Ourense previsto para este domingo 24 de xaneiro en Calabagueiros, e correspondente á xornada 14ª da competición en terceira división. O motivo, “o confinamento de 14 xogadores da UD Ourense pola existencia de contacto estreito cos dous positivos de coronavirus detectados a pasada semana”, explican dende a RFGF asegurando que o partido disputarase “nunha nova data o máis cercana posible no tempo que se determinará por este órgano tan pronto como se acrediten todas as circunstancias que permitan a disputa do mesmo”.
Así pois, unha xornada máis o calendario futbolístico estará incompleto nunha categoría acostumada xa aos aprazamentos. A pasada fin de semana o CD Barco foi o único representante ourensán que xogou o seu partido (vencendo 1-2 ao Alondras), sendo tamén o único no que non se detectaron positivos de Covid-19 ata o momento.
Dos equipos ourensáns esta fin de semana serán o CD Arenteiro e o Ourense CF os que disputen os seus respectivos partidos.