CulturaCultura

‘Aquí Tou!’, o monólogo máis persoal de Xosé A. Touriñán, este sábado no Centro Cultural Avenida da Rúa

 

Despois do gran éxito vivido na estrea desta nova etapa en Ribadumia e nas dúas sesións con cheo absoluto da Estrada, o espectáculo Aquí Tou!, de Xosé A. Touriñán, continúa esta fin de semana a súa xira de outono cunha dobre función na Rúa. As funcións terán lugar este sábado, 15 de novembro, ás 18:30 e ás 21 horas, no Centro Cultural Avenida. A segunda sesión conta xa con todas as entradas esgotadas, mentres que para a primeira quedan dispoñibles as últimas localidades.

En Aquí Tou!, Touriñán percorre con humor e emoción os momentos máis significativos da súa vida, mesturando realidade e ficción, anécdotas persoais e cultura popular galega. O resultado é un espectáculo próximo, vital e cheo de complicidade, no que o público se recoñece e participa coa risa e coa emoción. Tras máis de trinta e cinco funcións e milleiros de espectadores, consolídase como un dos grandes fenómenos teatrais galegos recentes, mantendo o espírito próximo e festivo que caracteriza o traballo de Xosé A. Touriñán.

 

 

O monólogo, convertido nun auténtico fenómeno teatral desde a súa estrea, seguirá o seu percorrido por Galicia con novas paradas nas próximas semanas. Despois da Rúa, visitará Vimianzo, Ribeira, Salceda de Caselas e Rianxo. O espectáculo ven acumulando cheos en cada función, polo que en moitas destas localidades xa se abriron segundas funcións.

As entradas están dispoñibles a través da web oficial do espectáculo, www.aquitou.gal.

Fotos: Aigi Boga.

Back to top button