
Cando o equipo de Adolfo Fernández, docente e investigador da Universidade de Vigo, iniciaba no 2011 a súa primeira campaña na Armea (Allariz), pensaba que se trataba dun castro. “Comezamos da nada practicamente. Era un xacemento que quedara esquecido e aínda que se escavara na década de 1950, tapárase e non era visitable”, comenta o investigador.
O traballo realizado durante unha década neste xacemento, froito da colaboración iniciada entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT) e o Concello de Allariz, permitiu tamén mudar o concepto que desde o ámbito investigador se tiña de Armea. “Coñecíase como un castro máis da arqueoloxía galega, un xacemento tipo da Idade de Ferro, e unha vez que nós levamos alí varios anos o que cremos, e así queda publicado, é que se trata dunha cidade romana. Polo tanto si que se cambiou o panorama, neste caso investigador do xacemento”, conta o director da escavación, Adolfo Fernández. Ademais o lugar hoxe constitúe unha referencia social e ten un impacto económico no municipio. Calcúlase que o visitan unhas 10.000 persoas ao ano, tal e como hoxe dá a coñecer a Universidade de Vigo a través do seu diario dixital.
Este martes vén de iniciarse unha nova campaña de escavación e posta en valor da zona, que se prolongará durante todo o mes de xullo e na que participarán 30 estudantes, seleccionados de entre os máis de 300 procedentes de universidades españolas e estranxeiras que solicitaron participar nesta campaña.
Prevese acondicionar a zona limpando a maleza, podando árbores na zona da nova escavación. “Nesta campaña espérase avanzar na zona leste do xacemento descubrindo unha nova casa da época romana (a domus do triscele), a continuidade dunha rúa e parte doutra gran casa coñecida como domus do hexascele”, en palabras de Adolfo Fernández, que matiza que aos traballos arqueolóxicos vanlle seguir os de conservación e restauración, que procurarán protexer e poñer en valor os vestixios atopados durante esta campaña.

Formación en arqueoloxía de campo e visitas guiadas
Durante as semanas que dure o traballo pasarán por Armea uns 30 estudantes, que se formarán en arqueoloxía de campo, ademais de persoal técnico da Facultade de Historia do campus de Ourense e operarios do Concello de Allariz. Ademais, durante a escavación as persoas interesadas poderán visitar o xacemento polas mañás
A publicación de artigos científicos e a asistencia a congresos nos que se divulgou o traballo realizado ao longo desta última década, permitiu que o xacemento de “ser un completo descoñecido a nivel nacional” xa se coñeza bastante, mentres que internacionalmente a Cidbá de Armea estase a converter nos últimos anos nun polo de atracción para estudantes europeos e de EEUU interesados en participar durante o verán nas escavacións. “A nivel internacional tamén vai tendo repercusión, non tanto cientificamente, xa que é un xacemento que non é a gran cidade clásica como as do Mediterráneo de Hispania, pero pouco a pouco se vai coñecendo, e a nivel galego está destacando como un xacemento moi importante de época romana”, asegura Adolfo Fernández.

Son, polo tanto, dez anos de traballo con momentos que o director das escavacións lembra de xeito especial como a aparición da primeira pedra labrada cunha roseta moi decorada, usada como adorno nas casas romanas de Armea. “Agora temos unha ducia, pero a primeira foi como moi apaixonante cando saíu, porque sabiamos que existían e que Conde-Valvís recuperara varias na década de 1950, pero nós non sacáramos nunca e a primeira vez que apareceu foi moi importante”, recorda Fernández.
Outro dos logros desta década a “invención”, en palabras deste investigador, dos convenios específicos de arqueoloxía entre a Facultade de Historia e o Concello de Allariz. “Isto marcou o marco xurídico de colaboración entre a nosa facultade e o concello e serviu de modelo a moitos outros. Creamos unha cousa nova que non existía, porque en Galicia non se coñecía nada similar para a colaboración entre universidade e concello”.