
O vindeiro sábado día 11 de xuño, ás 11h da mañá no castelo de Castro Caldelas, está convocado un novo encontro aberto de asociacións veciñais, culturais e comunidades de montes da Ribeira Sacra. Desta vez o punto central será debater a creación da Federación de Asociacións e Entidades Cívicas da Ribeira Sacra.
“Nesta convocatoria presentaranse os documentos preparados pola mesa de traballo creada na anterior asemblea celebrada en Tuiriz. Os principios comúns, os estatutos da federación e a escolla da directiva serán os temas centrais que se abordarán en Castro Caldelas. Posteriormente serán marcadas as primeiras liñas de actuación que a Federación proporá desenvolver neste mesmo ano”, tal e como adiantan os promotores da xuntanza.
Ademais os impulsores destes encontros volven facer un chamamento público para animar á participación do tecido asociativo da zona, tanto das provincias de Lugo coma de Ourense. Por agora, informan, a recepción “está sendo moi positiva porque se continúan a recibir adhesións e solicitudes de información”. Os organizadores cren que moitas asociacións se irán unindo na medida en que a Federación comece a funcionar e a organización sexa máis coñecida a nivel público.
Por último, reiteran a importancia de “reunir a maior cantidade de asociacións para que a Federación sexa o máis representativa posible, que conte cun amplo apoio social para chamar a atención das administracións aos temas que consideran prioritarios: coidado do patrimonio (in)material, participación nos espazos de debate (Rede Natura, Reserva Biosfera ou redacción da candidatura á UNESCO), charlas informativas sobre o impacto da lexislación no territorio, apoio a iniciativas veciñais…”.
Aquelas asociacións que quixeren contactar cos organizadores pode facelo a través do enderezo electrónico de vilachasalvadur@gmail.com.