EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

As DD.OO. do viño piden a Medio Rural unha simplificación administrativa dos procesos relacionados co sector

A Consellería do Medio Rural mantiña unha reunión de carácter técnico con representantes dos cinco consellos reguladores vitivinícolas galegos

Reforzar a relación que xa viña mantendo coas cinco denominacións de orixe de viño galegas. Era unha das cuestións que a Consellería do Medio Rural plantexaba na reunión que matiña o 13 de febreiro en Santiago con representantes dos cinco consellos reguladores do viño da comunidade: os de Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas.

Na xuntanza, a conselleira Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo; escoitaba de primeira man as súas necesidades. O obxectivo “é manter unha comunicación fluída cun sector tan importante para a comunidade como é o do viño, que só a través da vendima move máis de 209 millóns de euros, cifras que se multiplican tras o paso da uva pola industria”, segundo Medio Rural.

Entre as demandas que lle trasladaban os portavoces das denominacións está a dunha simplificación administrativa para todos os procesos que implican ao sector. A conselleira comprometeuse a traballar por este obxectivo e a facelo da man dos consellos reguladores para facilitar o seu traballo diario e favorecer a boa marcha deste ámbito.

Neste sentido, tamén se pretende a modificación de certos regulamentos ou normas que afectan aos viticultores e adegas galegos á hora de recibir axudas, como pode ser o sistema de autorizacións de plantacións de viñedo ou as achegas de promoción en terceiros países. De feito, trátase da industria agroalimentaria máis exportadora. Ángeles Vázquez sinalou que dende o seu departamento se loitará por “defender os intereses do sector. Porque somos conscientes do labor que realizan os produtores e as indutrias vitivinícolas, non só porque xeran postos de traballo e riqueza no rural, senón como vertebradores do territorio”, afirmaba a titular de Medio Rural.

Na reunión tamén se avaliaba o apoio da Xunta a estes consellos reguladores. Ao longo de 2017 os cinco órganos de xestión das DO vitivinícolas recibiron máis de dous millóns de euros en distintos conceptos de axuda para promocionar os seus produtos e asegurar un control sobre eles.

Artigos relacionados

Back to top button