CulturaCulturaÚltima hora

As fontes orixinais da causa contra o “Home Lobo” de Allariz, recuperadas

O Arquivo do Reino de Galicia reúne nun volume o expediente deste caso do s. XIX, o único coñecido en España dun proceso xudicial aberto a unha persoa por licantropía
Documentación relativa á causa de Manuel Blanco Rosamanta.
Documentación relativa á causa de Manuel Blanco Rosamanta.


Causa contra Manuel Blanco “o home lobo”. Expediente xudicial da Audiencia Territorial da Coruña
. Este é o título da publicación na que o Arquivo do Reino de Galicia recupera as fontes orixinais do proceso contra Manuel Blanco Romasanta, coñecido como “o home lobo”, acusado no século XIX de varios asasinatos.

Este traballo permite o acceso das persoas interesadas ás fontes orixinais desta causa formada no xulgado de Allariz, que concluíu coa condena a cadea perpetua de Romasanta, malia que inicialmente fora condenado a morte. Para iso, ademais da reseña da causa, o volume tamén incorpora un CD coa copia dixitalizada do expediente xudicial orixinal completo da Audiencia Territorial da Coruña, xunto cun texto do presidente do TSXG sobre o procedemento penal do século XIX.

Esta obra presentábase o 8 de xuño na Coruña, nun acto que contaba coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas; e da directora do arquivo, Carmen Prieto. Entre os seus contidos figura unha edición facsimilar da reseña da causa publicada en 1859, conservada no Arquivo do Reino de Galicia, na que o avogado Manuel Rúa Figueroa, que se encargou da defensa do reo, ofrece dun xeito resumido e cunha visión particular as partes máis representativas do proceso.

Un dos momentos da presentación do libro.
Un dos momentos da presentación do libro.

Esta presentación enmárcase no conxunto de actividades programadas polos arquivos da Xunta de Galicia para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos, que se celebra o 9 de xuño, coincidindo coa data da creación do Consello Internacional de Arquivos, en 1948. Entre elas está tamén a exposición documental “O legado de Asís: franciscanos e clarisas en Ourense”, que inaugurará na tarde do 9 de xuño o Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

A mostra baséase na divulgación do patrimonio documental herdado dos conventos ourensáns da orde franciscana, un legado pouco coñecido que permite reconstruír o pasado destas comunidades e recuperar a memoria da súa dilatada presenza na cidade de Ourense, nas vilas de Allariz, Monterrei e Ribadavia e no lugar de Trandeiras (Xinzo de Limia).

Artigos relacionados

Back to top button