En portadaÚltima hora

As minas de wolfram de Casaio, analizadas no Consello da Cultura Galega en Santiago

Esta xornada, prevista para a tarde 19 de setembro, forma parte dos “Encontros monográficos co Patrimonio” e incluirá a proxección do documental “Lobos sucios” de Felipe Rodríguez e unha ponencia de Isidro García Tato

 

Cartel deste encontro monográfico do Consello da Cultura Galega.

 

Nun dos puntos máis orientais de Galicia e na cara norte do Macizo de Pena Trevinca estaba situado o Destacamento Penal das Minas de Wolfram de Valborrás en Casaio (Carballeda de Valdeorras). Entraba en funcionamento en setembro de 1942 e cesaba a súa actividade a principios de xullo de 1944. Apenas dous anos nos que redimían nel as súas penas polo traballo unhas 463 persoas, ex-combatentes republicanos da Guerra Civil, chegados dende diferentes puntos de España.

Sobre a evolución histórica deste destacamento e a súa relación coa explotación das minas de wolfram xirará unha xornada temática que se celebrará o vindeiro 19 de setembro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A actividade enmárcase dentro dos “Encontros monográficos co Patrimonio” e comezará a partires das 17h. coa proxección do documental “Lobos sucios” do director rues Felipe Rodríguez.

 

Felipe Rodríguez nun dos momentos da rodaxe do documental “Lobos sucios”, nas minas de wolfram de Valborrás./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

De seguido, o investigador do CSIC Isidro García Tato, natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras), impartirá unha ponencia sobre o citado destacamento eixo central dun dos seus últimos libro de case 800 páxinas. Empezou a traballar nel xa ao ano 2001 estando en Ourense, onde no Arquivo Histórico Provincial comezou a indagar, a revisar e a investigar unha serie de documentos sobre o destacamento penal de Casaio. Tras a súa intervención darase paso a un debate entre os asistentes.

 

O investigador valdeorrés Isidro García Tato, ponente na xornada./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button