Representantes da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e da Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Carretera (Apetamcor) reuníanse este mediodía no Barco co subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, para abordar situacións que preocupan ao sector como os roubos no sector de mercadorías por estrada.
“O obxectivo do encontro era conversar das necesidades que teñen no relativo ao sector do transporte, fundamentalmente temas de creación de redes de seguridade, de creación de áreas de descanso… en definitiva, recoller as demandas do sector que imos analizar agora e intentar darlle solución dende o Goberno central”, dicía Santos. Así mesmo, o subdelegado destacaba a relevancia desta actividade económica, tanto a nivel galego como valdeorrés. “O do transporte de mercadorías por estrada é un sector estratéxico, non só en Galicia senón en España, xa que o maior número de mercadorías móvese sobre todo por estrada. É un sector clave na comarca de Valdeorras, que crea moitos postos de traballo e que está vinculado ao sector da lousa, e hai que coidalo”.
Tamén lembraba as tres operacións policiais que a Garda Civil realizou con éxito en relación a esta problemática. “Unha, que tivo lugar de marzo a maio, levou á detención dunha persoa que roubaba gasóleo nos camións da comarca; outra, na zona de Valdeorras-Bierzo, rematou con varios detidos que roubaban ferramentas e material nas zonas industriais e, por último, desmantelouse unha rede internacional que roubaba cabezas tractoras”.
No tocante a posibles solucións, valorouse como unha interesante medida a posibilidade de instalar cámaras de seguridade nas zonas de aparcamento de camións na comarca de Valdeorras, así como noutras zonas da provincia. “Isto causará un efecto disuasorio nos delincuentes e axudará á Garda Civil na captura dos mesmos”, explicou o subdelegado.
Na reunión participaban os presidentes de AEVA e de Apetamcor, os valdeorreses Araceli Fernández e Javier Adolfo González, así como as xerente destas dúas entidades, Teresa García e Myriam Otero, respectivamente. Ao termo do encontro, a presidenta de AEVA sinalaba que se fixo “un diagnóstico sobre a seguridade, comentouse a actuación da Garda Civil nos actos vandálicos que se deron e tamén analizamos cuestións de prevención e posibles solucións”. Ao seu carón, a xerente de Apetamcor, apuntaba que dende esta asociación xa se ten manifestado “moitas veces o grave problema que está sufrindo o noso sector co robo de mercadorías e de camións e ademais, isto vai a máis. Tamén queremos agradecer á Garda Civil o labor que está facendo porque, realmente, están facendo un gran traballo, pero na medida das súas posibilidades”.
Myriam Otero incidía que “partimos dun problema xa endémico no noso país que á falta de estacionamentos vixiados e seguros. Ese é un problema porque ademais hai que destacar que se a mercadoría que vai no camión a rouban fóra dunha nave que estea pechada, se o camión non está nunha nave pechada ou non parking vixiado con cámaras de seguridade 24 horas, o valor desa mercadoría é responsabilidade do transportista porque o seguro de mercadorías non cobre. Deste xeito, o noso sector está verdadeiramente afectado e preocupado, pero xa non só co roubo da mercadoría, senón tamén co roubo do camión, que ten o valor dun piso, falamos de 200.000 euros. Ás veces rouba a mercadoría, pero noutras ocasións o camión”.
Neste senso, dende Apetamcor trasladóuselle ao subdelegado do Goberno que, “foi moi receptivo, a necesidade de que as políticas das administracións cando se fai un parking empresarial é que establezan un parque vixiado e seguro de estacionamento de camións porque ao final, ¿quen vai aos polígonos? Os camións e noso país desgraciadamente estivéronse facendo polígonos industriais sen contar co espazo de aparcamento para camións, que é o servizo fundamental ás empresas, xa que somos o motor estratéxico e económico da loxística e o transporte desas mercadorías, que chegan aos consumidores finais”.

Por outra banda, Otero apuntaba que na reunión tamén se lle manifestaba ao subdelegado do Goberno en Ourense “o gran problema que supón a escaseza de condutores. Somos conscientes que a falta de man de obra é un problema xeral en todos os sectores económicos pero no noso caso agrávase un pouco máis porque os nosos profesionais necesitan unha cualificación que non se obtén nunha semana nin en dúas, senón que teñen que facer un CAP inicial de 180 horas, examinarse en transportes, neste caso por delegación do ministerio, das respectivas comunidades autónomas, aprobar o exame e despois convalidar todos os permisos de circulación. Non con todos os países, por iso agora estamos recorrendo a países que teñan acordos con España, é certo que o CAP téñeno que facer porque é normativa europea, pero o no canxe de permisos só terían que facer unha proba práctica, por exemplo, con Perú”.
Neste senso o que lle solicitaban a Santos dende Apetamcor é que se axilicen os “papeis de estranxeiría, tanto na Subdelegación de Goberno, como na Policía Nacional como en Transportes, que axilice esta documentación para que o custo para as empresas sexa menor, xa que temos as empresas paradas por falta de condutores”.
Fotos: O SIL.