CarballedaConcellosCulturaCulturaÚltima hora

As pinturas rupestres de Casaio, máis antigas do que se pensaba

Un artigo na revista "Complutum", da Universidade Complutense de Madrid, propón que parte das pinturas poderían ser do Neolítico

Imaxe: Sputnik Labrego.

 

Poderían ser máis antigas do que nun principio se barallaba. As pinturas de Pala de Cabras (Casaio, Carballeda de Valdeorras), cuxo descubrimento se facía público en febreiro de 2018, teñen sido obxecto dunha serie de investigacións cuxos resultados acaban de publicarse na prestixiosa revista Complutum, editada pola Universidade Complutense de Madrid e nos que se aborda a súa antigüidade.

O traballo, titulado “El abrigo con pintura esquemática de Pala de Cabras. Encuentros y desencuentros entre dos tradiciones”, describe en detalle o conxunto de pinturas, cun total recoñecido polo momento de 15 paneis con representacións e un total de 25 motivos distintos. Motivos que inclúen os característicos ídolos oculados, soliformes e arboriformes, máis tamén representacións animais e dixitacións. “A publicación deste artigo é o recoñecemento por parte da academia científica da importancia histórica das pinturas, así como da súa antigüidade”, indica Francisco Alonso, arqueólogo da empresa Tempos Arqueólogos e autor do descubrimento en 2018. Este conxunto, xunto cos coñecidos de Vilardevós, Baleira e Lobarzán, supoñía o recoñecemento definitivo da presenza deste tipo de representacións artísticas en Galiza.

 

A antigüidade das pinturas é un dos aspectos máis destacados deste traballo, xa que poderían ser máis antigas do inicialmente pensado. “Aínda que non hai dúbida de que os motivos máis destacados, como os ídolos oculados, pertencen ao que chamamos o Calcolítico, no terceiro milenio antes da nosa era, hai moitas evidencias para pensar que podería haber pinturas dun momento anterior, concretamente do Neolítico Antigo. Isto significaría que Pala de Cabras xa foi frecuentado hai sete mil anos”, afirma Manuel Santos Estévez, profesor da Universidade do Minho e especialista de arte prehistórico. “Porén, temos que facer máis análises no futuro que permitan corroborar esta hipótese”.

As pinturas de Casaio, xunto cos outros conxuntos pictóricos de Galiza, están por ser declarados Ben de Interese Cultural (BIC), o que implicaría o recoñecemento administrativo da súa valía. Mentres, o equipo está a espera de que a Administración e a Xunta de Galiza financien un proxecto de investigación e conservación das pinturas.

“O estado das pinturas é moi precario, e dado o grande interese que desperta na comunidade tanto científica como local, sería moi importante saber o seu estado concreto de conservación para poder propoñer unha posta de valor adecuada, di Carlos Tejerizo, director do proxecto Sputnik Labrego, durante cuxos traballos foron descubertas as pinturas. “Porén, polo de momento temos presentado un proxecto que non recibiu resposta por parte dos servizos de patrimonio. Esperemos que pronto podamos contar con recursos para seguir cos estudos destas importantes pinturas”, remata.

 

Un dos ídolos das pinturas esquemáticas de Pala de Cabras en Casaio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button