
“Paisaxes tatuadas: a arte esquemática pintada no noroeste peninsular á luz dos novos achados” é o título da xornada que se celebrará o vindeiro 18 de febreiro no Consello da Cultura Galega e na que se abordarán, entre outras cuestións, as pinturas de Pala de Cabras (Casaio, Carballeda de Valdeorras).
Esta actividade estará coordinada por Beatriz Comendador, arqueóloga e investigadora da Facultade de Historia do campus de Ourense, xunto a Lara Bacelar, investigadora do Centro de Estudos de Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coimbra.
“Dende hai mais dunha década, está aberta unha importante liña de investigación sobre o encontro de grandes tradicións de arte rupestre prehistórica no noroeste peninsular, que nestes dous últimos anos vén a ser reforzada polo achado de sitios con pintura rupestre esquemática ou arte esquemática pintada nas áreas surorientais de Galicia e que confirma o seu enorme potencial”, segundo explican dende a organización.
Fronte a esta “inercia”, engade, “traballamos coa idea de que o noroeste na prehistoria é un territorio único que non entende de fronteiras administrativas”. Tendo en conta esta perspectiva pretende achegar o fenómeno da pintura rupestre pospaleolítica e o encontro entre distintas tradicións rupestres á sociedade contextualizando estes achados nunha visión integrada transfronteiriza.

Casaio, Vilardevós, Monterrei e Oímbra
O programa do encontro incluirá unha intervención sobre as pinturas rupestres de Casaio, atopadas hai un ano en Pala de Cabras, a cargo de Carlos Tejerizo (Incipit-CSIC), Francisco Alonso (Estela Arqueoloxía e Patrimonio/Universidade de Santiago de Compostela) e Manuel Santos (Universidade do Minho), e unha conferencia de Andrea Martins, investigadora da Universidade de Lisboa, sobre símbolos, artefactos e arte esquemática na península ibérica.
Ademais na xornada Beatriz Comendador abordará a pintura rupestre da comarca de Monterrei (Ourense) atendendo ao seu contexto territorial e Lara Bacelar as tradicións de arte prehistórica do noroeste peninsular. Nelas abordarán o proxecto de intervención realizado en 2018, coordinado por Beatriz Comendador e no que participou Lara Bacelar, no abrigo con pintura rupestre prehistórica localizado no Concello de Vilardevós, na provincia de Ourense, en 2017.
A arqueóloga da Universidade de Vigo tamén falará do proxecto arqueolóxico desenvolvido no Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra, tamén coordinado por ela e no marco do cal se atoparon pinturas rupestres de tradición esquemática realizadas sobre granito.