En portadaÚltima hora

As posibilidades dos cogomelos como recurso, analizadas nunha xornada con broche na Veiga

A iniciativa estaba promovida ao abeiro do plan de transferencia ao agro galego de Agacal polo grupo de investigación Uxafores do Campus Terra da USC, os distritos forestais IX (Lugo-Sarria) e XIII (Valdeorras-Trives)

 

Os cogomelos poden ser un elemento de dinamización económica do rural, tanto pola existencia de especies de interese comercial como pola posibilidade de desenvolver o chamado micoturismo, contribuindo ademais ao desenvolvemento da multifuncionalidade do monte galego. Así se amosaba no decurso da xornada ténica “Ordenación Micolóxica en Galicia”, cuxo programa se iniciaba o 18 de novembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e finalizaba o 20 de novembro cunha visita ao municipio da Veiga.

A iniciativa estaba promovida ao abeiro do plan de transferencia ao agro galego de Agacal polo grupo de investigación Uxafores do Campus Terra da USC, os distritos forestais IX (Lugo-Sarria) e XIII (Valdeorras-Trives), contando coa colaboración de Amtlam e o Concello da Veiga. Uns 35 alumnos seguían esta acción formativa cunha dobre vertente, teórica e práctica, da man de tres ponentes: o profesor valdeorrés Julián Alonso Díaz, Roque Rodríguez Soalleiro e Javier Pereira Espinel.

No apartado teórico da xornada Julián Alonso Díaz centrábase na “identificación de cogomelos, nas súas diferenzas, sobre todo no relativo ás especies que son de aproveitamento comercial, comentando tamén as posibles confusións que se poden dar”, indicaba este investigador valdeorrés. Por outra banda, o catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro aludía aos tratamentos silvícolas na produción de cogomelos nunha charla na que tamén presentaba os resultados nun sitio de ensaio de rareos en piñeiral. A sesión concluía cunha exposición sobre aproveitamento micolóxico no inventario forestal e nas ordenacións de montes veciñais en man común, a cargo de Javier Pereira Espinel.

Coa viaxe á Veiga entrábase xa directamente na parte práctica da xornada, tocando aspectos básicos para a identificación de cogomelos, así como sobre a identificación das principais especies comestibles e comercializables. Había visitas aos montes de Río Mao e aos de Meixide, con presenza dos tres relatores da xornada, coñecíase os proxectos e iniciativas promovidos na Veiga no eido micolóxico pero tamén outros relacionados co sector primario ou mesmo co turismo, como a creación do Observatorio Astronómico de Trevinca.

“A idea é visualizar as distintas posibilidades e oportunidades que ten un recurso como os cogomelos, complementándoo ademais con outro tipo de actividades porque o tema micolóxico ten a deriva tanto turística como de produción, como incluso de tranformación. Esta xornada é un pouco transversal de todo isto”, explicaba, dende a organización desta xornada técnica, o tamén valdeorrés Xabier Bruña.

 

O valdeorrés Julián Alonso, un dos relatores da xornada./ Foto cedida.

 

Nesa mesma idea incide Julián Alonso. “Fixemos unha serie de visitas dentro do contexto do que a multifuncionalidade do monte, é dicir, do que son distintos tipos de aproveitamentos que, entre eles, se poden combinar para conseguir a cadea de valor. Vimos aproveitamentos madeireiros, visitamos o centro do mel, nuns piñeirais da Serra do Eixe facendo tamén observación de especies…”.

A intención dos organizadores é seguir promovendo este tipo de xornadas formativas, tendo en conta que, malia que se están dando pasos, o recurso micolóxico está aínda por desenvolver en Galicia. “Trátase de xornadas dentro do plan de transferencia de medio rural e intentan precisamente iso, que se transfira coñecemento, iniciativas ou proxectos a outros sitios, e eu creo que ese era un dos elementos importantes que se acadou neste caso e que imos a seguir facendo e, na medida do posible, queremos que se siga coñecendo Valdeorras”, resalta Xabier Bruña.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button