ColaboraciónsCulturaEntroido 2022OpiniónÚltima hora

As vellas de Langullo, con v

Artigo de Pedro Basalo Bembibre

Vellas de Langullo na década de 1980 // Manuel López Diéguez.

 

A cultura do Entrudio naceu e desenvolveuse, como toda cultura popular, esencialmente no plano oral; non obstante, se por algo se caracteriza a sociedade moderna é pola preeminencia que se lle concede á escrita en detrimento da oralidade. Talvez esta actitude grafocentrista reporte consecuencias negativas prá tradición, mais é evidente que os textos poden servir pra salvagardar un patrimonio cuxa transmisión xeracional está en risco. En concreto, reflexionarase neste artigo sobre a ortografía axeitada pró nome do personaxe máis ilustre do Entrudio de Langullo: a vella, que eu sosteño que debe escribirse con v, non con b. Certamente unha letra non vai cambia-la tradición, pero tamén é verdade que, cando se tocan cuestións identitarias, hai que ser coidadosos coas grafías pra non ferir sensibilidades. Ademais, en canto comeza a aparecer unha palabra en publicacións escritas, é habitual que a forma escollida se vaia impondo ós poucos.

1. Coherencia lingüística

A palabra bella é un cultismo de orixe castelá tomado á súa vez da lingua provenzal; a voz galega correspondente é bela. Trátase dun vocábulo que posiblemente entrase por vía escrita e que se emprega case de xeito exclusivo en obras literarias. En contraposición a esa esfera culta, o Entrudio é unha tradición popular e apegada ó territorio na que prima o uso de palabras patrimoniais con trazos propios da fala local: fulión, pucho, lardeiro… Por ese motivo é estraño que unha tradición que nomea os seus personaxes, manifestacións e elementos en galego fixese unha excepción coa súa figura máis senlleira. Ora ben, podería ser unha influencia castelanizante, como acontece noutros entrudios co toro e o torero.

Así e todo, tendo en conta a descompensada frecuencia de aparición de vella en galego fronte a bella en castelán, resultaría anómalo incorporar bella pra designar un personaxe do Entrudio, ó haber palabras autóctonas menos rebuscadas pra expresa-lo mesmo concepto: velaí as bonitas do Entroido de Sande (Cartelle). Ben mirado, aínda hoxe adxectivos como bela ou fermosa soan excesivamente artificiosos e pedantes fóra dun rexistro literario; na fala cotiá é moito máis corrente usar outras expresións como guapa, xeitosa, feitiña, ben feita, linda etc. En definitiva, ó meu ver, bella é un termo literario castelán e culto de máis pra ser usado nun substrato popular galego.

  1. Coherencia etnográfica

Alén diso, a listaxe de personaxes do Entroido galego que reciben ou recibían a denominación de vellos é moi numerosa, sen saírmos da provincia de Ourense: o vellarrón das aldeas de Castrelo de Cima e Veiga do Seixo (O Riós); a extinta vella —documentada por Nicolás Tenorio—, os desaparecidos vellos do fulión de Fradelo e os vellos de esquilas das comparsas da Chaira (todos eles no concello de Viana do Bolo), ou tamén os vellos dalgunhas aldeas próximas á serra de San Mamede, como Arnuíde (Vilar de Barrio) ou Pías (Maceda), un termo usado antigamente pra referirse ós actuais felos —segundo testemuña Xerardo Dasairas no relatorio das VII Xornadas sobre o Entroido de Galiza (2019)—, entre outros moitos exemplos. Estas referencias inducen a crer que talvez nalgún momento a palabra vello e as súas variantes tivesen unha relación directa coas figuras que representan. É probable que a evolución (ou a reinvención) dos traxes ó longo do tempo, sobre todo nos séculos XX e XXI, fose a causante de que a aparencia dos personaxes contemporáneos garde pouca semellanza coa etimoloxía e a concepción orixinal.

  1. Prexuízos

No que eu levo investigado —e pasoume tanto coas vellas de Langullo como cos vellos de esquilas nas aldeas de Viana do Bolo—, hai algúns informantes que, dende a boa fe, teiman en que os nomes desas figuras sexan con b, por aquilo de que son elegantes. Isto reflicte un interese claro por achega-la denominación ó bello castelán co obxectivo de prestixia-los personaxes e fuxir das connotacións negativas da palabra vello. Precisamente esta é unha das ideas que convén desterrar por unha razón fundamental: mira-las cousas do pasado cos ollos do presente comporta erros e malentendidos.

Por unha banda, o Entrudio (e calquera carnaval rural tradicional ou mascarada de inverno) baséase na loita entre dous caracteres opostos (ben/mal, homes/mulleres, novos/vellos, veciños dunha mesma aldea/veciños doutras aldeas etc.) e tamén na inversión das xerarquías. Por iso ten moito sentido a existencia das figuras dos vellos, pois supoñen a confrontación cos novos e, ademais, representan a autoridade na sociedade tradicional, unha autoridade que se ve arremedada e parodiada nesas datas.

Por outra banda, a mentalidade contemporánea, na cal as cousas vellas son algo inútil e sen valor, pode chegar a deforma-la percepción do Entrudio. Habería que preguntarse se a sociedade de antano compartía esa mesma idea ou se realmente —como parece ser— valorizaban e respectaban a vellez por ser fonte de autoridade e de sabedoría; de feito, foi na cosmovisión da sociedade agraria de outrora onde se xestou o Entrudio. Daquela semella plausible que antigamente a figura do vello non estivese tan estigmatizada coma na sociedade capitalista actual, que ve todo o antigo como un atraso e de aí o seu desprezo sistemático contra todo o tradicional.

Conclusión

A ortografía é unha convención social que establece o uso culto dunha lingua na escrita. Sendo a aldea de Langullo unha área galegofalante, o máis apropiado pra escribi-lo nome da figura máis característica do seu Entrudio é vella, con v, tanto por razóns lingüísticas como etnográficas. De consolida-lo termo vella, convén que sexa logo porque, así que os falantes interiorizan a conciencia ortográfica dunha palabra, despois é complicadísimo modificala; repárese, por exemplo, na boa acollida dos estranxeirismos adaptados nunha fase temperá, como fútbol ou cóctel, fronte a formas tardías como amador (en troques de amateur) ou xincana (no canto de gymkhana). E é que, malia que non o pareza, a maneira de trata-las palabras di moito do respecto cara a unha tradición.

Texto: Pedro Basalo Bembibre.

Artigos relacionados

Back to top button