En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

Asilival volve a concentrarse por un “neumólogo permanente no Hospital de Valdeorras”

Mantéñense as mobilizacións cada xoves ás 11h. para pedir este especialista e tamén por unha "sanidade pública e digna" na comarca

 

“Queremos un neumólogo para Valdeorras”. A petición coa que nacía a primeiros deste ano a Asociación de Silicosis de Valdeorras volvía a escoitarse novamente diante do Hospital Público de Valdeorras, na concentración que esta asociación convocaba un xoves máis ás 11h. “Cónstanos que hai vontade dos neumólogos por vir a este hospital, pero non depende deles, polo tanto que haxa un neumólogo permanente aquí é unha decisión política, por iso temos que seguir falando cos políticos e transmitíndolles esta petición”, dicía o presidente de Asilival, José Rodríguez.

Ademais, animaba ás persoas concentradas, entre as que había concelleiros da comarca e alcaldes de municipios como O Bolo, A Rúa e Vilamartín; a seguir mobilizándose por esta causa, pero tamén por “unha sanidade pública, digna e de calidade”, posto que, “xa non é só que non teñamos neumólogo, e que o hospital “ten moitas outras carencias de especialistas”. Neste senso, lembraba que esta tarde está prevista unha asemblea ás 19h. no Multiusos do Barco para reactivar a Plataforma Sanitaria de Valdeorras coa intención de levar adiante accións reivindicativas en defensa da sanidade, como unha manifestación comarcal.

 

 

Ao final da concentración, o presidente de Asilival propoñía ás persoas afectadas de silicoses presentes que acudisen á xerencia para anotarse no rexistro da Unidade de Silicose da área creada, “segundo din dende finais de maio”. Así o fixeron, formando unha longa ringleira. Minutos despois, o presidente de Asilival saía do centro e dirixíase aos presentes para explicar que esas persoas non podían proceder a anotarse.

“Hai uns días viñen eu con tres persoas e anotáronnas e agora, como entramos todos, non nos queren inscribir. Seguimos con tonterías e mentiras, cun protocolo que supostamente estaba implantado dende o mes de maio e estamos en outubro. Agora dinnos que lle teño que pasar eu o nome e os datos de todas esas persoas por escrito, cando ese é o seu traballo”, explicaba. Ademais lamentaba que o director do Hospital do Barco chamase á Garda Civil no intre no que as persoas acudían a inscribirse para entrar no protocolo e tamén que, pese a que se presentaron diversos escritos facendo para reunións cos representantes sanitarios, non recibiron ningunha resposta.

 

 

Finalmente, Jose Rodríguez, adiantaba que a asociación vai continuar mobilizándose para pedir un neumólogo e tamén polo resto de necesidades sanitarias da zona, “estamos no momento de reivindicar, porque ou saímos á rúa ou imos quedar abandonados e non podemos permitir iso”.

Explicaba ademais que, tras xestións e mobilizacións realizadas, “permitíronnos ter algo, pero non temos o que queremos, así que hai que seguir batallando, non queda outra, grazas a todos por estar aquí”, concluía. Así o vindeiro xoves está prevista unha concentración diante do hospital barquense, ás 11h.

Fotos e vídeos: O SIL.

Back to top button