EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Asinado o acordo marco da lousa entre a patronal e UXT

Ten carácter estatal, afectando a uns 4.000 traballadores do sector, e unha vixencia de 5 anos

 

As negociacións do acordo marco da lousa, iniciadas o pasado outono, culminaban o 11 de marzo coa sinatura entre os empresarios e UXT do documento. Este acordo ten un carácter estatal, afectando a uns 4.000 traballadores do sector, e a súa vixencia será de cinco anos (do 2022 ao 2027).

“Esencialmente o acordo quere recoller dous grandes aspectos. Por unha banda, adaptar a reforma laboral recente, en todos os seus aspectos”, aseguraba tras o acto da sinatura, Eliseo López, representante do sector empresarial. Ademais, engadía, “adaptamos as novas categorías profesionais, recollendo esas novas categorías produto da automatización como son as de labrador con máquina automática, embalador, etc. Tamén incluímos novas categorías como técnico de prevención, técnico de calidade e técnico de medio ambiente, e na canteira recolleuse outra nova categoría, que é a de cortador de fío, que xa existía pero non estaba contemplada no acordo”.

 

Algúns dos representantes da parte empresarial na mesa negociadora do acordo marco, tras a firma.

 

Da mesa negociadora do acordo marco formaban parte 9 membros dos sindicatos (6 de UXT, 2 de CCOO e 1 da CIG) e outros tantos da patronal, representada por 7 integrantes da Federación Nacional da Pizarra (FNP) e 2 de Apropicale.

 

 

O único sindicato que asinou o acordo foi UXT, o maioritario no sector da lousa. “O novo acordo marco incorpora o articulado da reforma laboral consensuada polos axentes sociais e aprobada recentemente, o que vai redundar na recuperación de dereitos, na loita contra a precariedade laboral e a temporalidade, así como na aposta pola flexibilidade interna impulsando os ERTES, tipo Covid, fronte aos despedimentos”, aseguran dende esta central sindical.

Así mesmo UXT sinala que “un dos puntos que máis controversia suscitou durante a negociación foi a inclusión de novas categorías profesionais do sector. Como é sabido, o proceso produtivo da lousa avanzou de maneira significativa nos últimos tempos. Unha maior mecanización, informatización e o continuo desenvolvemento tecnolóxico do sector foi creado novas necesidades industriais que non tiñan un reflexo nas categorías profesionais vixentes na industria da lousa. Ante a posibilidade de que as novas categorías puidesen verse privadas dos correspondentes coeficientes redutores, ocasionando un grave prexuízo ás persoas traballadoras do sector, desde UXT FICA conseguimos que os actuais procesos produtivos se engloben en categorías preexistentes e, ao mesmo tempo, adxudicáronselle a estas categorías o máximo posible de coeficientes redutores que se contemplan no sector da lousa para a idade de xubilación”.

 

Representantes de UXT na mesa negociadora.

 

Para UXT trátase do “mellor acordo marco posible no actual contexto económico do país, agravado pola invasión de Ucraína e por unha inflación galopante, co consecuente encarecemento das materias primas e a enerxía”.

Nin CCOO, nin CIG asinaban este acordo. Dende a CIG aseguran que “non estamos de acordo principalmente porque non se recolleu ningunha das nosas propostas, nin sequera se falou dels na negociación. Este acordo xa sabiamos dende hai máis dun mes que se ía asinar por parte de UXT e da patronal, é dicir, estaban esperando á reforma laboral, adecuala ao convenio marco pero sen saber como ía quedar, que foi algo que nos sorprendeu. E o que dixeron é que, unha vez que se aprobara, trasladarían o texto ao acordo. Non sei no que iso inflúe porque nós non tivemos acceso ao texto asindo, pero entendo que beneficioso non é, tería que miralo e estudalo. A patronal e UXT quedaron en que unha vez que estivera o texto modificado que o ian mandar ás centrais antes da sinatura para miralo, e nós, polo menos, non o recibimos”, di o responsable comarca do sindicato, Francisco Moral.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button