SanidadeÚltima hora

Asomega, que preside o trivés Julio Ancochea, convoca o XXII Premio Nóvoa Santos

O doutor Julio Ancochea./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Asociación de Médicos Galegos (Asomega), que preside o neumólogo trivés Julio Ancochea, dá luz verde á convocatoria do XXII Premio Nóvoa Santos, cuxas bases veñen de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O Nóvoa Santos é un dos premios científicos mellor dotados economicamente. Como nas últimas edicións, mantense a contía de 12.000 euros que percibe o gañador, aínda que nesta ocasión establécese un novo sistema de repartición do premio:

– o 50% da contía (6.000 €) será directamente para o gañador.

– o 25% (3.000 €) destinarase a financiar un proxecto de investigación desenvolto por mozos investigadores galegos que será designado polo gañador, ou como axuda inicial para a realización dunha tese doutoral dirixida polo galardoado.

– o outro 25% (3.000 €) vincularase á iniciativa Asomega Axuda: segundo o criterio do gañador do premio, o importe destinarase a apoiar accións ou proxectos de institucións ou asociacións sen ánimo de lucro que favorezan aos máis necesitados e impulsen á humanización na contorna da Comunidade Autónoma de Galicia.

“A tormenta que supuxo o coronavirus puxo en primeira liña a necesidade de contar cun impulso científico constante”

Julio Ancochea, presidente de Asomega, resalta o interese da asociación por impulsar unha nova edición do premio precisamente polas difíciles circunstancias sobrevindas pola pandemia. “A tormenta que supuxo o coronavirus puxo en primeira liña a necesidade de contar cun impulso científico constante, vigoroso. Co Nóvoa Santos, Asomega quere contribuír a que a ciencia e a investigación se consideren prioritarias”.

Cre que o Covid-19 está a deixar patente o papel clave dos científicos como aportadores de solucións e mostra o seu desexo de que convocatorias como a do Nóvoa Santos axuden a dignificar o seu labor e a reivindicar que “a ciencia é clave para conquistar o futuro“.

 

Bases

Nas bases do premio lémbrase que poderán optar ao Nóvoa Santos “personalidades relevantes galegas, ou directamente vinculadas a Galicia, da medicina e/ou biomedicina cuxa labor profesional ou científico fose de repercusión nacional ou internacional e, especificamente, de proxección cara a Galicia“. As propostas de candidatos teranas que presentar “universidades, reais academias ou colexios profesionais de medicina, farmacia ou veterinaria, sociedades científicas, hospitais, fundacións, etc., ou un grupo mínimo de oito profesionais da medicina e/ou biomedicina”.

A decisión final sobre o gañador tomaraa a xunta directiva de Asomega a partir da proposta formulada polo comité científico da asociación. Entre os criterios que determinarán a elección detállase nas bases que se terá en conta o compromiso do candidato coa sociedade galega, así como o impacto e influencia da súa actividade profesional “sobre Galicia, en xeral, e a medicina galega, en particular”.

Ademais, nesta convocatoria contémplase que o xurado poderá ter en conta “a relevancia da actividade desenvolvida polos candidatos, valorada en función das circunstancias sociais, sanitarias e asistenciais do momento“.

José Ramón González Juanatey, Bartolomeu Burguera, Carlos Diéguez, María José Alonso ou Anxo Carracedo son algúns dos ilustres nomes que integran o cadro de persoal de científicos galegos que recibiron o Premio Nóvoa Santos ao longo das vinte e unha edicións celebradas ata a data.

AnuncioG1061-041120-1_gl

Artigos relacionados

Back to top button