BarbadásConcellosÚltima horaViana do Bolo

Aumenta a actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados en Viana e Barbadás

Así o vén de destacar o Subdelegado do Goberno en Ourense tras as xuntas locais de seguridade destes municipios, celebradas esta mañá

Xunta Local de Seguridade do Concello de Viana do Bolo.

 

Na mañá deste mércores celebrábanse, de maneira telemática, as Xuntas Locais de Seguridade dos concellos de Viana do Bolo e de Barbadás. No seu decurso analizábanse e valorábanse os datos de seguridade cidadá, así como de violencia de xénero nos citados municipios.

As xuntanzas leváronse a cabo baixo a presidencia compartida do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e dos respectivos rexedores municipais: o alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo, e o de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel.

O subdelegado do Goberno comezaba as dúas reunións trasladando aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes o seu agradecemento pola profesionalidade demostrada e a súa capacidade de traballo ao compatibilizar, dende o pasado mes de marzo, as labores fronte a pandemia coa protección da seguridade. No tocante á seguridade cidadá o subdelegado do Goberno destacou o incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados en ambos concellos.

Así mesmo, Emilio González tamén salientou o incremento da cifra de infraccións administrativas con respecto ao pasado ano en ambos os dous concellos. Este aumento débese, en boa medida, aos supostos de incumprimento da normativa decretada fronte ao Covid-19 que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

Incremento de infraccións penais en Viana do Bolo

No concello de Viana do Bolo produciuse un incremento das infraccións penais, que supuxeron que a taxa de criminalidade aumentase en sete puntos con respecto ao período anterior, ata situarse en 11 infraccións penais por cada mil habitantes. A pesar deste repunte, Emilio González sinalou que “os niveis de seguridade que mantén o concello de Viana do Bolo seguen facendo deste un municipio seguro en relación a municipios de poboación similar”.

No tocante aos datos facilitados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indican que na actualidade en Viana do Bolo hai activos no sistema VioGén un total de tres casos (dous presentan risco baixo e un risco non apreciado). Constátase que nos tres se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

 

Xunta de Seguridade de Barbadás.

 

Barbadás

No concello de Barbadás os datos de delincuencia amosan un descenso das infraccións penais en termos xerais, aínda que se observa un lixeiro incremento dos delitos graves e menos graves contra o patrimonio. Emilio González manifestou que este segue a ser “un concello seguro no que todas as administracións e as forzas e corpos de seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade”.

No caso do concello de Barbadás son nove os casos activos no sistema VioGén (un presenta risco baixo e oito risco non apreciado). En sete casos cóntase con medidas de prohibición de aproximación e comunicación e un deles conta con medidas de prohibición de aproximación.

Plan estratéxico de respota policial ao consumo e tráfico de drogas minorista e plan director

Como outro dos puntos da orde do día estableceuse a activación do Plan Estratéxico de resposta policial ao consumo e tráfico de drogas minorista en zonas, lugares e locais de ocio dos concellos de Viana do Bolo e de Barbadás, a través do cal as forzas e corpos de seguridade desenvolverán actuacións para previr e reducir a oferta de drogas aos consumidores, especialmente entre a mocidade, así como previr a condución de vehículos a motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas.

No tocante ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas destacouse que durante este curso a maioría das actividades programadas nos centros escolares de ambos concellos, como son as charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre temas de acoso escolar, riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais, bandas xuvenís e violencia de xénero, estanse a retomar de xeito telemático. E resaltou á importancia de darlle continuidade.

Así mesmo, sinalouse o mantemento dos dispositivos de vixilancia por parte da Garda Civil e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

Artigos relacionados

Back to top button